O Comité de empresa da CRTVG ampara unha nova denuncia de manipulación informativa na Radio Galega

Unha traballadora en prácticas da emisora pública foi conminada a omitir en directo a locución dun parágrafo no que informaba da afiliación ao Partido Popular de Melilla do presunto líder dunha célula xihadista.
Por o 06/10/2017 | Sección: CUT,Galicia,Santiago,Sindicatos
O Comité de empresa da CRTVG ampara unha nova denuncia de  manipulación informativa na Radio Galega

O Comité de empresa da CRTVG, que no pasado marzo puxo a disposición dos profesionais dos medios públicos un Protocolo de actuación antes as denuncias de manipulación informativa, vén de amparar conforme a esta ferramenta a unha redactora con contrato en prácticas da Radio Galega que denunciou unha grave inxerencia no seu exercicio profesional.

A xornalista Ana Belén Costoia Viqueira elaborou o pasado 6 de setembro unha nova para o informativo vespertino “A Crónica” sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsable do programa ordeoulle non ler esa referencia, orde que a xornalista, que viu interrompido o seu traballo de xeito brusco e sorpresivo, acatou. Consultada por este comité, a coordinadora do informativo aludido alega que o criterio de non informar sobre a afiliación política neste caso partíu do redactor xefe da tarde. Á redactora en prácticas retiróuselle ademais posteriormente a encomenda habitual de reelaborar esa mesma peza para o informativo matinal do día seguinte, que lle adxudicaron a outra persoa.

O Comité de empresa, seguindo o protoloco que creou, que recolle as normas de actuación a seguir en casos coma este no que o persoal da CRTVG denuncia manipulación sobre o seu labor informativo, ampara sen fisuras á profesional afectada e enmarca esta grave inxerencia sobre a liberdade e independencia do exercicio profesional na sistemática manipulación que se practica na televisión e na radio públicas. Non é a primeira vez que a representación do persoal denuncia en concreto a ocultación da filiación política cando os afectados por calquera cuestión negativa son do Partido Popular, información que se resalta e reitera se os casos afectan a membros dos partidos da oposición.

Independentemente de que ese día practicamente todos os medios de comunicación do Estado fixeron referencia á pertenza ao Partido Popular do presunto xihadista, o comité de empresa entende que se debe respectar o criterio profesional que guiou á redactora a incluir esa referencia, eliminada, en opinión dos sindicatos, por intereses estritamente políticos. Ademais, a representación do persoal considera intolerables as formas que se empregaron, xa que a interrupción dunha locución en directo debería ter unha seria xustificación.

O Comité esixe por enésima vez a creación do Consello de Informativos e a posta en marcha do Estatuto Profesional, ferramentas contra a manipulación informativa que obriga a crear desde o ano 2011 a lei que regula os medios públicos e que, de momento, o goberno galego e a dirección da CRTVG semellan non ter interese algún por habilitar. A representación do persoal parabeniza á compañeira denunciante e anima a outros profesionais da tele e a radio públicas a acollerse ao protocolo, que amparará aos informadores da CRTVG ata a erradicación da deleznable práctica manipuladora que lastra a credibilidade dos medios públicos e atenta contra a súa razón de ser.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.