O comité de folga da Xustiza denuncia que o director xeral se negou a presentar documentación

O director xeral respondeu: «non me dá a gana de presentar ningún papel porque non desconvocades a folga», afirman os sindicatos
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

O comité de folga da Xustiza denuncia que o director xeral se negou a presentar documentación

O comité de folga do sector da Xustiza mantén a convocatoria de paro total para mañá mércores, 13 de decembro. Así o ratificaron as organizacións sindicais tras a reunión de hoxe co director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Ante a actitude da Xunta, que se negou a presentar documentación e a concretar solucións, avanzan que haberá novas mobilizacións o mes de xaneiro.

Precisamente, os sindicatos foron tamén moi críticos co director xeral, a quen acusan de xustificar a ausencia de documentación cun «non me dá a gana de presentar ningún papel porque non desconvocades a folga»

Para o comité de folga, isto demostra que a Xunta non ten vontade de negociar os aspectos presentados polos sindicatos.

As traballadoras e os traballadores da Xustiza reivindican melloras como o incremento do complemento autonómico transitorio, non ser penalizados en caso de incapacidade temporal, solucións ao plan de amortización de 106 prazas ou a consolidación das prazas de reforzo de máis de tres anos.