O Comité Nacional de UGT-Galicia alerta dos riscos do modelo de crecemento económico e pide un cambio que garanta que as familias tamén participen na mellora

Urxe restituír os dereitos dos cidadáns no eido laboral e social
Publicado por o día 23/01/2018 na sección de Sindicatos,UGT

O Comité Nacional de UGT-Galicia alerta dos riscos do modelo de crecemento económico e pide un cambio que garanta que as familias tamén participen na mellora

O Comité Nacional de UGT-Galicia -do que forman parte preto de 80 membros en representación das federacións de nacionalidade, unións comarcais e a Comisión Executiva de UGT-Galicia- constata que todos os indicadores apuntan a dúas circunstancias que caracterizan o escenario económico presente. Se ben é certa a fase expansiva da economía, con 16 trimestres consecutivos de crecemento da actividade produtiva, tamén é certo que existen riscos derivados do esgotamento dos factores externos que empuxaron a actividade nos pasados anos: baixos prezos do petróleo, tipo de cambio favorable e acceso barato ao crédito.

Un crecemento económico con riscos e que, ademais, non chega ás persoas porque o volume de desemprego segue a ser moi alto e as condicións laborais e a calidade de vida cada vez peores.

Modificar isto, esixe, adaptarse ás novas circunstancias. Primeiro, deixar atrás as políticas de recortes e acometer medidas oportunas para reforzar a demanda interna e consolidar o crecemento da actividade e o emprego, o que pasa por fortalecer o consumo dos fogares e o investimento público.

A recuperación queda marcada pola volta a un modelo cortoplacista, baseado en empregos de baixa calidade, desprotección das persoas, deterioración do benestar social, extensión das desigualdades e avance da pobreza.

EN GALICIA UNHA SÉTIMA PARTE DA POBOACIÓN ACTIVA ESTÁ NO DESEMPREGO

Mostra de todo isto, nove de cada dez contratos realizados cada mes son temporais, cunha taxa de temporalidade do 27,4 por cento, a segunda máis alta da UE. A caída da ocupación en Galicia dende o 2008 é brutal, do 49,8 por cento na construción; o 18,4 por cento na industria; o 23,6 por cento no sector agropesqueiro; e o 1,9 por cento nos servizos. O retroceso na ocupación lévanos a estatísticas do ano 2003. De feito, en Galicia unha sétima parte da poboación activa está no desemprego e o máis preocupante é o desemprego de longa duración, 103.500 persoas levan máis dun ano nesta situación e 77.200 máis de dous. Hai que engadirlles 20.700 parados que buscan o seu primeiro emprego.

A precariedade das familias maniféstase con 61.700 fogares que teñen a todos os seus activos no paro, cando no 2009 eran 44.800. Pero, a pesar desta situación, o estado de benestar non está a dar cobertura suficiente ás familias. Se no 2011 as taxas de cobertura por desemprego eran superiores ao 70 por cento, hoxe son do 53,7 por cento e, ademais, a maioría de carácter asistencial.  O 51,1 por cento das persoas en situación de desemprego hoxe en Galicia non cobran ningún tipo de prestación e xa hai 33.600 fogares que non perciben ingresos.

O 30,8 POR CENTO DOS GALEGOS TEÑEN UN SALARIO MEDIO INFERIOR OU IGUAL AO SMI

Todo isto, sumado a salarios cada vez máis baixos, o 30,8 por cento dos galegos teñen un salario medio inferior ou igual ao SMI. Con este escenario está claro o deterioro da calidade de vida dos galegos, de feito, a taxa de pobreza ou exclusión social xa é do 25,4 por cento.

E, neste contexto, os Orzamentos da Xunta continúan na senda da supeditación ás esixencias financeiras, cunha débeda acumulada que se achega ao máximo, 11.363 millóns de euros. Cando chegou o PP ao Goberno non superaba os 4.000 millóns. Fíxase un teito de gasto que, para o Comité Nacional, debería vir acompañado dun chan de gasto mínimo que preserve o estado de benestar.

OS ORZAMENTOS DA XUNTA NON ESTÁN NO RUMBO CORRECTO

UGT-Galicia considera que A Xunta de Galicia, tal como vimos demandando, debería dar un xiro cara uns orzamentos baseados nunha fiscalidade progresiva, cara un sostido crecemento económico e do emprego, apoiando aos nosos sectores produtivos, apostando pola revitalización industrial, o naval, a industria electrointensiva e non deixando ó pairo dos mercados a sectores como o agrogandeiro e o pesqueiro. UGT defende un estado do benestar na actualidade ameazado, cara unha protección social que garanta unha sociedade cohesionada, cara a garantía do emprego público e de calidade e cara un modelo económico máis tecnolóxico e con máis valor engadido, acabar co déficit histórico en I+D+i, que permita superar os déficits estruturais da economía galega  e para que a industria sexa máis competitiva.

Neste Comité tamén se analizaron as campañas que o Sindicato ven de poñer en marcha e coincidiuse na necesidade de seguir impulsándoas porque a situación así o require. Entre estas campañas, destacan a de “Agora: salarios, emprego público e dereitos” coa que se reclama que se recupere a negociación colectiva en todas as administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación, acción social, a recuperación do emprego perdido (16.300 postos de traballo en Galicia dende o 2011), e o recoñecemento da débeda salarial para recuperar o poder adquisitivo cunha perda xa do 13 por cento.

CLÁUSULAS SOCIAIS NA CONTRATACIÓN PÚBLICA

Outra das campañas que se acaba de poñer en marcha é a de “Cláusulas sociais na contratación pública” co obxecto de esixir a todas as administracións a regulación dun novo modelo de cláusulas sociais na contratación pública para garantir unhas condicións laborais dignas, incluíndo a estabilidade no emprego, promover a igualdade de oportunidades, mellorar a seguridade e saúde laboral, favorecer a formación no lugar de traballo, contribuír á inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos, así como asegurar unhas condicións medioambientais adecuadas.

NOVA PLANIFICACIÓN FORESTAL. VAGA DE LUMES

En relación á recente vaga de lumes forestais, UGT-Galicia considera que urxe unha nova planificación que faga énfase na prevención, non unicamente na extinción. O cambio de modelo debería levar implícito que persoal fixo-descontinuo prestase servizos todo o ano e cunhas condicións laborais dignas.

Tamén urxe poñer en marcha medidas estratéxicas para incorporar o monte ao desenvolvemento rural de Galicia, entendendo o desenvolvemento rural coma un factor clave de prevención dos incendios forestais. É pensar en futuro adoitando solucións estruturais a unha praga que nos persegue ano a ano.

O Comité Nacional, ademais, analizou a actual situación do diálogo social e observou unha total falta de interese por parte do Goberno central ao respecto, tanto en materia de pensións, como en políticas activas de emprego ou formación.

Neste contexto, si existiu un avance no relativo ao SMI co acordo acadado entre interlocutores sociais e o Goberno, que suporá unha suba do mesmo do 4% no 2018, ata situarse en 735,9 euros por 14 pagas e situar o SMI en 850 euros por 14 pagas ou 11.900 euros ao ano en 2020, o que suporá unha subida global do 20%, en tres anos, do que se beneficiarán directamente máis de 1,5 millóns de traballadores e traballadoras. O pacto alcanzado supón unha subida de 142 euros ao mes, respecto ao SMI existente en 2017.

O Comité considera que este acordo está en liña co obxectivo do 60% do salario medio neto do país, tal e como recomenda a Carta Social Europea ratificada por España. UGT estima que este acordo é un logro sindical e un avance moi significativo, xa que se temos en conta a subida do 8% do SMI, en 2017, o incremento global en 4 anos é próximo ao 30%.

EN GALICIA URXE ABRIR UN PROCESO DE DIÁLOGO SOCIAL COA XUNTA CO FIN DE CONSOLIDAR UN NOVO MODELO DE CRECEMENTO MÁIS EQUILIBRADO E SOSTIBLE E XERADOR DE EMPREGO DE CALIDADE

Concretamente, en Galicia tamén urxe abrir un proceso de diálogo social coa Xunta en base á folla de ruta que se presentou ao inicio da lexislatura, que en definitiva demanda un cambio das políticas económicas para consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, así como a diminución das desigualdades que, como mínimo, debería pasar por: un cambio de rumbo nas políticas activas de emprego; fortalecer as políticas en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo; e restablecer e incrementar as prestacións sociais cunha renda de inclusión social de Galicia que se dote de recursos suficientes, regular os servizos sociais como dereitos básicos e tamén urxe unha Lei integral de protección ás persoas maiores, así como, unha Lei específica de atención e axuda ás familias galegas para que os poderes públicos aseguren unha protección social, económica a xurídica das mesmas.

En materia de servizos públicos, UGT-Galicia esixe a súa defensa, pasando por un pacto pola educación, a sanidade, a xustiza, os servizos sociais e os servizos públicos, recuperando o emprego en todos estes sectores para asegurar a súa calidade.

A concertación social tamén debería analizar e chegar a acordos para salvar o sector primario, potenciando as actividades agrarias e gandeiras, a industria agrícola e gandeira, a forestación e a diversificación do sector. Hai que dinamizar as zonas rurais con medidas que faciliten e relevo xeracional.

No sector pesqueiro, as políticas deben abordar a situación dos descartes, tendo en conta as diversas pesquerías que se fan en Galicia. Por outra parte, debe facerse unha aposta de país para manter a pesca artesanal e o marisqueo.

En materia de industria, urxe defender o sector industrial e incrementar o investimento en I+D+i: Recuperar a política industrial como elemento esencial do novo modelo de desenvolvemento sostible, que preste especial atención aos sectores máis dinámicos e aos de maior contido tecnolóxico, fomente a innovación (especialmente nas PEMES) e aposte pola formación coa colaboración entre os centros educativos e as empresas. UGT-Galicia demanda un plan industrial de carácter estratéxico con instrumentos tanto sectoriais como territoriais que persiga a meta de recuperar o nivel de actividade e de emprego perdido, apostando por consolidar actividades e empresas nas que Galicia ten xa presenza e no impulso de novos sectores industriais.

INCREMENTOS SALARIAIS NA CONTORNA DO 3 POR CENTO E UN SALARIO MÍNIMO DE CONVENIO DE 1.000 EUROS

De cara á negociación colectiva no 2018, os dous obxectivos fundamentais de traballo van ser fortalecer

dereitos e recuperar salarios. Neste senso, UGT-Galicia considera que é preciso a consecución dun Acordo para a Negociación Colectiva e o Emprego que recolla incrementos salariais na contorna do tres por cento. E tamén se traballará por un salario mínimo de convenio de 1.000 euros.

130 ANOS DE HISTORIA

Como non podía ser doutro xeito, no Comité tamén se lembrou unha data, o ano 2018, no que UGT cumpre 130 anos de historia. Data que o Sindicato vai afrontar con diversos actos nos que fará fincapé en todo o logrado ata o momento e nos proxectos de futuro, elaborando propostas ante os problemas actuais dos traballadores, buscando novas formas de loita por un reparto equitativo da riqueza, mellorar a negociación colectiva e, en definitiva, novas formas de acción sindical. O fin é seguir sendo a voz de todos os traballadores e traballadoras.

O COMITÉ DE UGT-GALICIA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ademais de debater sobre a situación actual e poñer enriba da mesa as propostas do Sindicato, o Comité tamén aprobou unha resolución contra a violencia de xénero na que se denunciou a terrible lacra que afecta a moitas mulleres no noso país e no mundo enteiro. Concretamente, na resolución faise mención ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que, a xuízo de UGT recolle unha serie de medidas insuficientes, aínda que recolle aspectos positivos. Para o Sindicato, non queda garantida a mellora dos dereitos laborais e de protección social das mulleres que sofren violencia de xénero. Para UGT, a igualdade no emprego constitúe un elemento esencial e unha ferramenta imprescindible para loitar contra esta lacra, xa que a independencia das mulleres é fundamental para poder afastarse da violencia. Pola contra, maioritariamente os dereitos laborais aos que se poden acoller supoñen ou ben unha diminución ou a perda total dos seus ingresos (reducións de xornada e suspensión ou extinción do contrato), e as bonificacións ás empresas para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero teñen un alcance moi limitado e non están sendo eficaces (37 no ano 2016 en Galicia).

Por outra banda, UGT tamén denuncia que as condutas de acoso sexual e o acoso por razón de sexo no traballo constitúen a expresión máis evidente da violencia que se exerce sobre as mulleres no mundo laboral. A pesar de que a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes recolle determinadas obrigas para as empresas na devandita materia e que o Código penal  tipifica como delito o acoso sexual, segue sendo un grave problema. E no que respecta ás mulleres que son vítimas de acoso psicolóxico ou mobbing, trátase na súa maioría de supostos nos que o acoso ten a súa causa no feito mesmo de ser mulleres. Segundo datos da Inspección de Traballo, entre 2008 e 2015, unhas 2.484 mulleres se viron afectadas por infraccións en materia de acoso sexual, efectuáronse 1.489 requirimentos e impuxéronse sancións por valor de 237.748 euros.

Ante todo isto, o Comité Nacional insta ao Goberno á implementación xa do Pacto contra a Violencia de Xénero e esixe o seu apoio a un convenio da OIT contra a violencia sobre as mulleres nos lugares de traballo.​