Como afectan as novas tecnoloxías o estado do benestar?

Expertos en dereito laboral analizan os problemas derivados da economía 4.0
Publicado por o día 22/09/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Como afectan as novas tecnoloxías o estado do benestar?

O efecto que as novas tecnoloxías terán nas relacións laborais e no sistema nacional de pensións e, por conseguinte, no estado de benestar, centra a 1º Xornada Laboralista que, baixo o título Problemas laborais no marco da economía 4.0, se desenvolve esta tarde na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, o Consejo General de Graduados Sociales de España, o Ministerio de Economía, Industria y Competitividade e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a xornada arrancou cunha intervención de Javier San Martín Rodríguez, presidente del Consejo General de Graduados Sociales de España, centrada na vídeovixilancia e o control informático. A sesión complétase cos relatorios da Belén Cardona, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social de la Universidad de Valencia que falará de regulamento de protección de datos; Jesús Cruz, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social de la Universidad de Sevilla, que abordará a nova economía e relación laboral; Teresa Conde Pumpido, maxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que falará sobre nova economía e descentralización produtiva e Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, que centrará a súa intervención das relacións colectivas na nova economía.

A xornada, que se celebra no salón de graos, foi inaugurada polo secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel; pola decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Almudena Bergareche, e polos presidentes do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra e do Consejo General de Graduados Sociales de España. Na súa intervención, Javier San Martín asegurou que “estas xornadas dan encaixe aos que nos gusta e vivimos do dereito do traballo”, ao tempo que reivindicou a profesión da e do laboralista, “que é o futuro e que se acada coa especialización”. O presidente do Consejo General de Graduados Sociales de España e da Fundación Justicia Social afirmou que “quitando a saúde, o máis importante é o traballo ordenado, regrado… e se non temos capacidade de ordenar o traballo dos españois, pero tamén de que non o son, este país non despegará”, sinalou San Martín.

As repercusións do traballo autómata e das novas tecnoloxías no emprego

“É evidente que a creación de traballos autómatas e as novas tecnoloxías van supoñer a perda de moitos postos de traballo e por conseguinte máis desemprego. Por outra banda, menos traballadores significa menos cotizacións o sistema da seguridade social, o que implica que as pensións se verán afectadas”, explica Raúl Gómez, presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, que engade que,  as novas tecnoloxías “tamén son medios que poden xerar probas automáticas de conflitos laborais, sen esquecer que tamén temos o problema da protección de datos”. Gómez considera que as e os actuais e futuros colexiados deben ser coñecedores dos cambios que no marco laboral introducirá a economía 4.0 e para iso, nesta xornada contan con “grandes oradores e coñecedores do dereito laboral e do noso ordenamento xurídico dentro desta xurisdición”.