Como converter un millón de euros en tres nunha semana

34 participantes ampliaron os seus coñecementos prácticos sobre os mercados
Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Como converter un millón de euros en tres nunha semana

Unha vez rematado o período da competición e avaliados os resultados, o profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Jorge Vila Biglieri e o asesor financeiro Pablo Iglesias Hernández, organizadores da Competición en Bolsa 2020, amósanse satisfeitos coa participación e as consultas recibidas nesta primeira edición da iniciativa e conclúen que se acadaron todos os obxectivos propostos, que pasaban por “divulgar os coñecementos financeiros fomentando as prácticas con cartos virtuais para que cada un dos participantes descubrise se lle divirte o mercado financeiro e, o que é máis importante, se lle pode sacar proveito”.

En total participaron 34 persoas, que puideron familiarizarse coa operativa a curto prazo sobre produtos financeiros e as plataformas dos brokers en liña. Despois de cinco días de competición, o usuario gañador (uvigo2038) conseguiu triplicar a cantidade inicial, convertendo 1 millón de dólares en 3 millóns, o que supón un rendemento de 297,97%. O segundo e o terceiro obtiveron un 83.78% e un 38.49% de rendemento, respectivamente. “A maioría das compras vendas durante a competición tiveron lugar en accións americanas”, puntualiza Vila.

Os participantes, que non tiñan que contar necesariamente con coñecementos anteriores, iniciaron as súas prácticas nesta plataforma de mediación financeira cunha carteira ficticia dun millón de euros coa que investiron en distintos produtos e mercados. Deste xeito puideron familiarizarse con este tipo de operacións, observar o seu perfil de risco e avaliar as perdas e beneficios dos seus investimentos. Estas prácticas axudaron tamén ao estudantado a distinguir os diferentes produtos, as estratexias e técnicas, os prazos e a relevancia da diversificación.

Os gañadores poderán realizar o curso de Advanced Trading

Con estes resultados pecha a primeira edición da Competición en Bolsa impulsada polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade. A súa posta en marcha é unha continuación doutras iniciativas como o curso de Advanced Trading e veu determinada por un contexto no que o número e as dimensións dos mercados financeiros aumentan e seguirán aumentando en número (Forex, Bitcoin, etc.) e en tamaño, xa que cada ano se baten récords de negociación.

De feito, os tres primeiros clasificados nesta competición obterán a financiación completa da seguinte edición do curso Advanced Trading, prevista para o vindeiro 21 de febreiro, así como unha conta de proba de Interactive Brokers con datos do mercado americano en tempo real, o que supón unha continuidade dos proxectos iniciados durante a competición, na súa maioría relacionados coas accións americanas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.