A compañía viguesa de Xurxo Cortázar estrea Desconexión, unha comedia verde e vermella, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso

Por o 26/01/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Santiago,Vigo
A compañía viguesa de Xurxo Cortázar estrea  Desconexión, unha comedia verde e vermella, escrita e  dirixida por Santiago Cortegoso
Compartir en:

O vindeiro venres 10 de febreiro, no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 20:30 horas, terá lugar a estrea absoluta do espectáculo Desconexión, producida e protagonizada por Xurxo Cortázar e escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.

A obra é unha comedia ácida onde o traballo interpretativo do actor, o deseño de luces e o espazo sonoro levan, xunto co texto, o peso do espectáculo.

Desconexión poderá verse no Salón Teatro tamén os días 11 e 12 de febreiro ás 20:30 e 18:00 horas respectivamente. As entradas para os tres días poden adquirirse no portal web www.entradas.abanca.com ou na propia billeteira do teatro desde 2 horas antes do comezo de cada función.

Sinopse

O individuo 299/1973 FK3 vive conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano. Unha avaría no seu sistema fai que saia da súa gaiola e emprenda unha viaxe cara ao descoñecido. Por fin atopou unha vía para desconectar. No seu periplo vaise atopar en situacións novas para el, que terá que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida.

Mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, Xurxo Cortázar (actor) e Santiago Cortegoso (director), que traballan por primeira vez xuntos, presentan un personaxe poliédrico que emprende unha viaxe liberadora nunha obra que trata temas inherentes ao ser humano: a rutina e as gañas de fuxir dela; a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de individualidade; o afán de estar conectado e o afán de desconectarse… Sempre desenvolvidos desde o humor máis mordaz pero co fondo tráxico do sentimento de falta de liberdade para poder tomar decisións propias.

A versión definitiva do texto creouse a partir do traballo creativo entre director e actor nos ensaios. Partindo da proposta básica argumental, o director foi propoñéndolle ao actor situacións que o protagonista tiña que afrontar. A partir destas improvisacións e repeticións, as escenas foron definíndose e enlazándose para compoñer así o texto definitivo.

O proxecto Desconexión foi presentado en formato pitching na pasada edición de Galicia Escena Pro (mercado das Artes Escénicas de Galicia), promovido por AGADIC (Axencia Galega das Industria Culturais) que se celebrou no mes de xuño na capital galega e agora estréase no Salón Teatro da cidade, sede do Centro Drámatico Galego, dentro do programa de residencias promovido e organizado por este.

Xurxo Cortázar

É actor profesional desde o ano 1996, cando comeza a colaborar coa compañía Migallas Teatro onde actúa en espectáculos tanto para adultos como para público infantil e familiar. Despois duns anos combinando a interpretación coas tarefas de produción e dirección artística en diferentes programacións e actividades promovidas polo Concello de Pontevedra (Domingos do Principal, Feira do Humor, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, etc.) produce e protagoniza o monólogo A Penitencia do Pirata, de Budumbu Producións, para público adulto baseado na lenda dopirata Benito Soto. A finais de 2006 comeza a traballar coa compañía Galitoon nos espectáculos Golulá (Premio ao Mellor espectáculo infantil na 10ª Feria de Teatro Castilla y León de Ciudad Rodrigo; Premio ao Mellor Espectáculo Innovador na 24ª Mostra de teatro de Ribadavia); Babiliglub; Festas do Axóuxeres e Botazz, o swing do jazz. En 2011 dirixe o seu primeiro espectáculo: Valados para Artestudio Teatro, do que tamén forma parte do elenco, e comeza a traballar coa compañía Baobab Teatro nos espectáculos Babs; O Soldadiño de Chumbo e Martes.

Santiago Cortegoso

Despois de traballar como actor en numerosos espectáculos de compañías galegas (Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, A Factoría Teatro, Nove Dous, Llu Llu teatro, etc.), intensifica a partir de 2009 a súa actividade na escrita e na dirección de escena, nomeadamente á fronte da súa compañía: Ibuprofeno teatro. Algúns dos seus traballos recentes son: RACLETTE (Premio Álvaro Cunqueiro 2014; Premio ao Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Castilla y León, Ciudad Rodrigo 2016, Mención Especial do Xurado no Festival de Teatro de Haro (A Rioxa), estreada por Ibuprofeno Teatro en 2016), A órbita do Lucecú (Dirección e coordinación do proceso de escrita, para Lucecús Teattro 2015), O Furancho (Ibuprofeno Teatro 2015), Smoke on the water (Premio MOME Varela Buxán 2013), Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios (Ibuprofeno Teatro 2012, Premio María Casares a Mellor texto orixinal), El charco de Ulises (Iberescena 2010, editado en Artezblai), A filla de Woody Allen (Ibuprofeno Teatro 2010, Finalista nos Premio Max), 0'7% MOLOTOV (Premio Rafael Dieste 2009, estreado por Teatro de Ningures, finalista a Mellor texto orixinal nos Premios Max e nos Marías Casares 2012), HÁMSTER (Seleccionado nos III Encuentros en Magalia 2008, editado no nº 60 da RGT, estreado pola Sala Triángulo de Madrid en 2009), Des-memoria- 2 (Para Disquedanza, 2009), Os Cómicos dell’Auto (Para Teatro de Ningures, 2009, finalista nos Premios María Casares 2010 a mellor texto orixinal) e Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica (Editorial Morgante, 2010).