Complicado o rescate dun ciclista que resultou ferido de consideración tras caer da bicicleta en Oímbra

Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Sucesos

Complicado o rescate dun ciclista que resultou ferido de consideración tras caer da bicicleta en Oímbra

Durante mais de catro horas durou o operativo posto en marcha polo 112 Galicia para rescatar a un ciclista que sufriu unha caída coa bicicleta que manexaba á altura do lugar de Videferre, en Oímbra (Ourense).

O ciclista recorría unhas pistas forestais e no momento de sufrir o accidente atopábase á altura da Capela de Santa Mariña. Así o comunicaba o alertante que chamou, sobre as 21:15 horas da pasada noite ao 112 Galicia para pedir axuda.

Nada mais recibir a chamada do alertante, os xestores do 112 puxeron en marcha o operativo de rescate, que resultou ser bastante complexo debido á importancia das lesións ocasionadas. Ata o lugar desprazáronse os Servizos Sanitarios de Urxencias de Galicia-061 e tras valorar o estado do ferido optaron por derivar ao punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que, finalmente, foi evacuado en ambulancia e trasladado ata o Hospital de Verín.

Ademais formaron parte do operativo a Garda Civil e os Bombeiros de Verín, que portaron a pé durante 200 metros ao ferido nunha padiola ata a ambulancia que o agardaba no pobo.

Menor ferido en Becerreá

Tamén, sobre as 20:00 horas deste luns, o 112 Galicia era informado por unha persoa particular doutra caída de bicicleta en Becerreá (Lugo). Neste caso tratouse dun neno que caera coa súa bicicleta por un terraplén duns dous metros con bastante maleza, fronte á piscina municipal. Así o aseguraba o alertante.

Decontado, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento do persoal sanitario, do GES da localidade e da Garda Civil. Tamén foron informados os Bombeiros de Sarria.

Tras recoller ao menor, os membros do GES confirmaron que o neno estaba totalmente accesible e que fora evacuado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Una respuesta para "Complicado o rescate dun ciclista que resultou ferido de consideración tras caer da bicicleta en Oímbra"

Comentar noticia

Your email address will not be published.