Compost e plantas para concienciarse da necesidade de tratar o lixo orgánico de forma natural

Este sábado a Deputación, en colaboración co Concello de Pontevedra, repartirá de balde na Praza da Ferreiría 4.000 lotes con fertilizante procedente dos centros de compostaxe do Plan Revitaliza e flores de tempada.
Publicado por o día 08/06/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Compost e plantas para concienciarse da necesidade de tratar o lixo orgánico de forma natural

A Deputación de Pontevedra entregará este sábado de balde 4.000 lotes de compost e plantas de tempada na Praza da Ferreiría de Pontevedra entre as once da mañá e a unha da tarde. O obxectivo será informar á cidadanía sobre a compostaxe, concienciar sobre a necesidade ambiental e económica de tratar o lixo orgánico de forma natural, e demostrar a todos os cidadáns a alta calidade do compost que se produce nos centros de compostaxe que están instalados nos concellos da provincia ao abeiro do Plan Revitaliza.

Con este acto a institución provincial quere celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente – que oficialmente foi o luns 5 de xuño- con toda a cidadanía. Entregaranse máis de dúas toneladas de compost (equivalente a uns 4.000 litros) repartidos en bolsas con pequenas mostras xunto con dípticos informativos sobre compostaxe. Para completar o lote, tamén se repartirán 4.000 plantas de tempada (xeranios, alegrías, petunias…) aportadas polo Concello de Pontevedra, de xeito que ao chegar á casa, cada veciño e veciña poderá fertilizar a súa planta de xeito natural e comprobar o seu crecemento.

O reparto será de 11 da mañá á unha da tarde deste sábado día 10 na Praza da Ferreiría, onde se instalará unha carpa e varios stands que serán atendidos por unha ducia mestres e mestras composteiros da Deputación de Pontevedra. Estes respostarán as dúbidas dos asistentes, pero tamén se instalará un panel explicativo no que se mostran as tres fases do proceso que pasa o lixo orgánico que chega aos centros de compostaxe comunitaria para finalmente se converter en compost.

Este reparto de compost que se fará na Ferreiría é o primeiro de carácter masivo que se realiza en Pontevedra. Ata o de agora só se entregara compost no barrio de Monte Porreiro aos veciños que participan na compostaxe.

As claves da compostaxe, nos dípticos informativos

Nos dípticos informativos que se repartirán o sábado explícase de xeito moi sinxelo que o lixo orgánico que se xera nos fogares (restos de comida e vexetais) pode ser aproveitado e retornado á terra en forma de fertilizante para as plantas e os cultivos: o compost. De xeito, incídese en que tratar de xeito separado a fracción orgánica é fundamental para contribuír á reciclaxe –e aos requisitos esixidos pola Unión Europea de cara a 2020-, xa que máis do 50% da bolsa do lixo é compostable. Entre as preguntas ás que se dá resposta no documento están as seguintes:

Que é a compostaxe?

É a maneira de converter os restos de comida e vexetais en fertilizante natural. Para compostar é preciso mesturar o lixo orgánico con restos leñosos e secos de podas, aserraduras, follas…

Por que compostar?

É preciso apostar pola compostaxe por concienciación medioambiental, porque compostando redúcese a cantidade de lixo que acaba no vertedoiro ou se incinera.

Compostar é un proceso doado de facer cun custe económico mínimo comparado con outros sistemas de xestión de lixo: permite aos concellos aforrar na recollida, no transporte e o propio tratamento.

Onde compostar?

Neste momento a veciñanza pode compostar nos centros comunitarios de compostaxe que a Deputación xa instalou nos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía.

En vindeiras datas está previsto que os concellos de Campo Lameiro, Catoira, Cuntis, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Porriño, Rodeiro, Rosal, Salvaterra, Silleda e Valga se sumen á iniciativa.

Cada composteiro comunitario dá servizo a entre 60 e 300 veciñas e veciños.

Como compostar?

Para compostar o único que hai que facer é separar ben o lixo na casa, depositar a parte orgánica (restos de comidas e vexetais) nunha bolsa, ir ao composteiro máis próximo e verter ese lixo orgánico no seu interior. A bolsa plástica debe depositarse na papeleira situada ao lado do composteiro, nunca dentro deste.

Se así se desexa, tamén se pode aportar o estruturante (restos de poda seca que hai nun recipiente anexo) por riba dos restos orgánicos. En calquera caso, haberá persoal técnico especializado (unha mestra ou mestre composteiro), que sempre se encargará de facelo.

Que residuos podo botar no composteiro?

Pódense botar restos de comidas crúas ou cociñadas, restos de xardín, pousos de café e restos de infusións, filtros e panos de papel (sen tinta), la en bruto, cortes de pelo….

Nunca se poden botar ao composteiro materiais sintéticos ou químicos nin aqueles que non sexan biodegradables (vidro, metal, plástico), aglomerados de madeira, deterxentes, medicamentos…

Quen se ocupa de que todo saia ben?

A mestra ou mestre composteiro é a persoa que vixía que a compostaxe se faga correctamente. Controla que as proporcións de lixo orgánico e estruturante sexan correctas, vixía a humidade, a temperatura e a aireación no proceso para aumentar a calidade do compost final e tamén resolve calquera dúbida da veciñanza.

Calquera cidadán que precise máis información sobre a compostaxe, ou sobre como utilizar o compost para sacarlle o maior rendemento aos seus cultivos, pode preguntar ao mestre ou mestra composteira no seu concello.