Compostaxe para os máis pequenos nos CRA de Tomiño

O deseño e realización das actividades faise desde o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e conta coa colaboración dos técnicos de compostaxe do Concello
Por o 19/02/2019 | Sección: Galicia,Tomiño
Compostaxe para os máis pequenos nos CRA de Tomiño

Máis de 150 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, das 13 aulas do CRA (Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés) de Tomiño, participan estas semanas nun proxecto de compostaxe organizado polo Concello co fin de que os máis pequenos se acheguen á compostaxe.

A actividade inclúe uns obradoiros de compostaxe doméstica con fases teórico-prácticas, nas que os máis cativos/as van aprendendo, a través do xogo, contos e cancións, que é e como se leva a cabo o proceso. Unha vez completada a primeira fase, o alumnado é conducido ao exterior da aula, onde instalan un composteiro para o seu uso diario e poden observar de primeira man como se utiliza o compós e que elementos do lixo poden introducirse nun compostoiro doméstico.

As preguntas e observacións son constantes e sempre orixinais. A sorpresa, permanente nos ollos dos pequenos aprendices.

As actividades amosan como facer para xerar os mínimos residuos posibles e axudar a coidar o medio ambiente. Así aprenden que a reciclaxe dos restos de cociñar e das comidas, das podas dos xardíns e as hortas, faise de forma natural e económica mediante a compostaxe.

Os talleres comezaron no CRA do Seixo e foron trasladándose a todas as aulas do Centro Público Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés. A actividade terá continuidade en breve nos colexios públicos da vila con ensino infantil.

O deseño e realización das actividades faise desde o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e conta coa colaboración dos técnicos de compostaxe do Concello de Tomiño. Recentemente, tamén o centro CEP Pedro Caselles Beltrán, realizou algunhas actividades deste tipo dentro do Plan Revitaliza; un plan promovido pola Deputación de Pontevedra, e ao que está adherido o Concello de Tomiño dende os seus inicios, sendo o marco no que se encadran as colaboracións entre

os diferentes organismos que impulsan a compostaxe caseira e comunitaria, como solución máis eficiente para a xestión dos residuos orgánicos.

A necesidade de dar unha resposta eficaz aos restos orgánicos recóllese na Directiva Europea de Residuos, que obriga á recollida separada dos restos orgánicos ou ao seu tratamento mediante compostaxe individual e comunitaria, e que será de obrigado cumprimento polos estados membros. O Concello de Tomiño, na actualidade, conta con técnicos de compostaxe, cofinanciados pola Deputación de Pontevedra, sendo o único da provincia que contratou dous postos na convocatoria feita pola Deputación. María Xosé Vázque, concelleira de Medio Ambiente explica que “o Concello está inmerso na procura de solucións eficientes tanto económica como ambientalmente e na implantación de solucións para a correcta xestión dos residuos e o cumprimento das novas normativas”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.