Compostela acolle por primeira vez un encontro do proxecto Living River

Publicado por o día 13/05/2019 na sección de ADEGA,Medio Ambiente,Social

Compostela acolle por primeira vez un encontro do proxecto Living River

Os vindeiros dias 15 e 16 de maio realizarase a segunda reunión das entidades socias do proxecto Linving River, que terá lugar na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela.

Living River é un proxecto europeo cofinanciado polo programa Erasmus+, que ten como obxecto principal poñer en valor ante a sociedade a vida ao redor dos ríos e regatos de Europa. ADEGA
participa neste proxecto como entidade socia que se encargará de desenvolver diferentes ferramentas de divulgación e estudo dos ríos e regatos para todos os socios europeos que forman parte desta iniciativa.

A primeira reunión, onde se estableceron as bases e os papeis de cada entidade participante produciuse en Coimbra. Alí, por primeira vez, todas as entidades participantes puideron falar cara a
cara.

Nesta ocasión seguiremos establecendo as bases para que o proxecto se desenvolva da mellor maneira posible. Un dos puntos importantes nesta reunión serán falar da implicación dos centros de
ensino e establecer xa que centros educativos participarán no proxecto.

A este encontro acudirán 3 universidades entre as que se atopan: a Universidade de Coimbra, a Universidade Nova de Lisboa e a Balikesir University; e diferentes entidades como: a Asociación
Portuguesa de Educación Ambiental (ASPEA), o Instituto de Educación Secundaria Ribeira do Louro e de Rumania Brasov Pentru Dezvoltare Durabila Brasov Asociatia.

Este proxecto, que comezou en novembro de 2018, terá unha duración de 3 anos nos que se porán en práctica aquelas ferramentas que nestes momentos se están a crear co obxecto de concienciar a través da ciencia cidadá aos cidadáns e cidadás europeas.

Un intercambio cultural e de diferentes visións sobre os ríos e regatos, onde a preservación e coidado dos mesmos son a prioridade para todas as entidades participantes.