En Compostela, manifestación contra a Europa criminal do racismo e da desigualdade

Unha convocatória social decorrerá a tarde do 1º de maio na cidade baixo a máxima de construir unha mobilización unitária e sen siglas contra a Europa dos austericidios e da insolidariedade.
Publicado por o día 27/04/2016 na sección de CUT,Santiago

En Compostela, manifestación contra a Europa criminal do racismo e da desigualdade

“Este 1º de Maio é o intre da xenerosidade. Unha manifestación unitaria, anticapitalista e sen siglas na convocatoria, coa firme convicción de que é tempo da unidade de todas as loitas para defender as nosas vidas. Sen protagonismos. Unha mobilización na que as únicas protagonistas sexa a unión de todas as voces nunha gran manifestación contra a batería de agresións que estamos a recibir por parte da Unión Europea, esa organización criminal, do racismo e da desigualdade, que comandan a troika e o Capital”.

Esta é a convicción que move a persoas de diferentes entidades sociais e sindicais a organizar unha mobilización “onde as siglas dos colectivos non van estar presentes xustamente para que poidan estar presentes de maneira contundente todas aquelas preocupacións, denuncias e problemas, que son o que en realidade nos importa”, posto que “esta é unha mobilización das persoas que xá estamos fartas de vernos derrotadas, impotentes, das que decidimos que hai que retomar as rúas ata tumbar este sistema da inxustiza e a barbarie”.

Ou eles ou nós, non queda outra saída. Unha mobilización integral, que poña no centro a defensa dunha vida vivíbel “que é o mínimo ao que ten dereito calquera persoa, o mínimo innegable, e innegociable. Coas nosas vidas non se negocia”.

PRENSA CUT GALIZA