Compromiso aportará, con Miguel Barros, solvencia política e coherencia ideolóxica á corporación viguesa

Publicado por o día 08/05/2015 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Compromiso aportará, con Miguel Barros, solvencia política e coherencia ideolóxica á corporación viguesa

– Bascuas contrasta a honestidade, o traballo e o compromiso de país do candidato co despotismo de Abel Caballero, a quen comparou con Nerón.

O Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, vén de afirmar que “o candidato á alcaldía de Vigo de Compromiso, Miguel Barros, será unha referencia de coherencia ideolóxica e solvencia política e persoal, da que careceron as últimas corporacións olívicas”.

Bascuas asistiu esta noite xunto a Barros a unha cea mitin para militantes e simpatizantes celebrada por esta formación no Hotel Coia. O responsable nacional salientou que estas eleccións locais representan unha oportunidade histórica para as formacións que agroman “como reacción á corrupción e ao nepotismo que ten emponzoñado aos partidos tradicionais, nomeadamente ao PP e ao PSOE”. Novos xeitos de facer política “desde a participación e a transparencia” nos que a cidadanía “ten posto a mirada e as esperanzas”. Neste contexto, dixo, “é tempo de Compromiso”.

Animou aos presentes a votar e pedir o voto para Compromiso por Galicia fronte a outras alternativas, “das que nos distingue a coherencia e a solvencia ideolóxica e programática desde os nosos alicerces”. “Somos un partido, con vocación galeguista e socialdemócrata, cheo de xente honesta, traballadora e comprometida co país, como Miguel Barros e as persoas que o acompañan na candidatura”, afirmou. Neste sentido, o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia censurou a “histórica despreocupación de populares e socialistas por Vigo”. A ausencia de proxecto para a cidade máis populosa, industrial e dinámica de Galicia fixo que o PP e o PSOE “recorreran a propostas mesiánicas que deixaron a súa pegada na cidade en forma de maceteiros ou de bancos e rotondas asinados sen rubor polos propios rexedores que perpetraban estas barbaridades”, segundo o líder de Compromiso.

O PP, que goberna o Estado, a Xunta e a Deputación tirou a toalla e castiga aos vigueses e viguesas sen a atención que merecen en materia de sanidade, educación ou infraestruturas. Caballero, pola súa banda, “cimentou no descontento popular un réxime populista e déspota, creado de costas ao seu partido e á súa cidade”, dixo. Para Xoán Bascuas, “cada vez é maior o parecido entre o xeito de Gobernar de Caballero e o de Nerón en Roma”, dixo. “Cando todo estoupe, cando non queden bancos que poñer, nin amigos que colocar, haberá que preguntarse onde estivo o proxecto de cidade, onde a promoción de emprego, onde a defensa da Sanidade e a Educación públicas, qué quedará do Vigo emprendedor e comerciante, onde o Gran Vigo dos estaleiros e a automoción, onde a Cultura”. Entón, continuou, “será cando Caballero deixe aos vigueses e viguesas co lume e el marchará tocando a lira”.

PRENSA COMPROMISO POR GALICIA (CxG)