Compromiso aposta pola cría extensiva de vacas autóctonas no monte

O uso de terreo forestal como pasto persigue tamén a prevención de incendios por medio do consumo animal da maleza.
Publicado por o día 20/09/2016 na sección de Compromiso por Galicia,Eleccións Galegas,Vigo

Compromiso aposta pola cría  extensiva de vacas autóctonas no  monte

Xoán Bascuas, candidato á Presidencia da Xunta por Compromiso por Galicia, e Orlando Villamayor, secretario de comunicación, visitaron a Feira de Gando de Silleda.

O candidato á Xunta por Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, visitou esta mañá a Feira de Gando de Silleda, onde intercambiou impresións cos propietarios de explotacións gandeiras. Estes transmitíronlle a súa preocupación polo futuro do sector, actualmente en crise debido a un descenso do prezo da carne de calidade de vacún, motivado por unha diminución do consumo. Isto débese ao menor poder adquisitivo dos consumidores durante a crise. As propostas de Compromiso permitirían aumentar a producción e rebaixar o prezo do proceso de engorde do animal, condicións que permitirían ao sector poder enfrentarse mellor ás inclemencias do mercado.

Compromiso por Galicia aposta pola producción extensiva do monte de razas autóctonas de vacún comercializadas como “ternera gallega”. Esta iniciativa está contemplada no plan de actuación redactado pola forza galeguista, que pretende, xunto co fomento da raza autóctona galega de vacún, e a supervivencia dun sector actualmente en crise, contribuir a frear a proliferación de incendios en periodo estival.

O plan de actuación contempla mesmamente a protección medioambiental a nivel forestal. O feito de que as reses se alimenten da maleza que se acumula no monte contribuirá a mantelo limpo e practicamente libre de incendios. Por outra banda, aumentarase o terreo destinado a pasto tamén con campo destinado a labradío que esté sen explotar. Trátase de conseguir que as explotacións de gando vacún dispoñan de máis terreo destinado ao pasto das súas cabezas. Para elo constituirase un banco de terras no que tanto propietarios como gandeiros saquen os seu beneficio económico.