Compromiso asume o facho do galeguismo histórico no Castelo de Pardo de Cela

Bascuas presenta o seu partido como o “eixo” necesario para artellar un novo goberno alternativo na Xunta.
Publicado por o día 17/09/2016 na sección de Compromiso por Galicia,Eleccións Galegas,Vigo

Compromiso asume o facho do  galeguismo histórico no Castelo de  Pardo de Cela

O partido celebra o segundo día do Compromiso Galego, no aniversario do recoñecemento de Galicia como nación na Sociedade de Nacións.

Bascuas: ”Quen impón, vence unha vez. Quen convence, vence sempre. E farémolo a través do diálogo, da concertación, e do acordo”.

Compromiso por Galicia celebrou na tarde do sábado no castelo de Pardo de Cela, en Alfoz, o segundo Día do Compromiso Galego, para conmemorar o recoñecemento de Galicia como nación na Sociedade de Nacións. Xoán Bascuas realizou o discurso central do acto, que foi presentado por María Xosé Alfonso, alcaldesa de Muros, e no que tamén participaron Andrés Núñez Rajoy e Juan Carlos Piñeiro.

“Cando houbo un galeguismo ambicioso? Canto tempo estivo o galeguismo sen unha expresión política de seu, un galeguismo que fale de que Galicia é o que importa? Isto, de seu, xa fai importante a Compromiso por Galicia”, enfatizou Bascuas no seu discurso.

O candidato á presidencia falou da importancia do partido: “Compromiso por Galicia é a forza do galeguismo necesaria. E é necesaria porque a meirande parte da cidadanía galega non ambiciona outro espazos de decisión políticos. Sabemos que a cidadanía  galega é unha cidadanía á que lle gusta facer as cousas paseniño, pero ben feitas. E iso é o que está disposto a facer Compromiso por Galicia: camiñar golpe a golpe e verso a verso. Non só para enfrontar as tropas de Castela, e tamén de Cataluña, senón para convencer. Quen impón, vence unha vez. Quen convence, vence sempre. E farémolo a través do diálogo, da concertación, e do acordo”.

Falou de Compromiso como o eixo nun goberno de cambio: “A ninguén se lle escapa que o único xeito de configurar unha alternativa ao goberno do PP, de Núñez Feijóo, é a través dun goberno de coalición. Non nos basta con que abandonen o goberno. Hai que dicirlle á cidadanía as propostas que se poden concordar e acordar para concretar ese goberno alternativo. Somos unha forza central nese eixo de forzas que poden traer o cambio a Galicia. Somos nós os que podemos tender a man, co noso progresismo e a nosa socialdemocracia, ás forzas do cambio social, e tamén falar coas forzas políticas que sinten o latexar do país no seu peito. Somos esa centralidade no eixo do cambio, somos os que podemos mirar a unha beira e á outra. Somos necesarios para darlle cordura ao diálogo que se pode establecer”.

Bascuas destacou a campaña limpa e honesta que Compromiso está a desenvolver: “Somos os únicos que estamos a desenvolver unha campaña con programa, programa, programa. Non entramos en descalificacións, nós queremos confrontar programas. Todo o mundo está a significar a campaña de Compromiso por Galicia porque é unha campaña limpa, honesta e chea de vontade de traballo. É un esforzo imprescindible porque sen galeguismo non hai país. Somos necesarios porque este partido ten unha capacidade enorme. Somos capaces de orientar unha man cara os sindicatos, cara os traballadores, cara a loita pola mellora das relacións laborais. E temos ao mesmo tempo outra man que é capaz de tenderse aos autónomos, aos emprendedores e ao empresariado”.

Tamén, Bascuas puxo énfase na importancia de Compromiso para o futuro de Galicia: “Somos unha forza política sen a cal será imposible nun futuro inmediato comprender a historia política de Galicia. Pídolle á xente que sinte o país que mire para Compromiso por Galicia e que saiba que a palabra que dá Compromiso é unha palabra de honra”.

No acto tamén participaron Andrés Núñez Rajoy, que destacou a necesidade de combater o despoboamento do rural e de buscar fórmulas para que a xente nova non o abandone, e Juan Carlos Piñeiro, que criticou a falta de infraestruturas ferroviarias en Ourense, mais especialmente en Lugo. Dixo, con ironía, que “estas son as políticas serias do PP”.