Compromiso do Concello de dotar á cidade dun campo de béisbol

O alcalde reuniuse este venres pola mañá con representantes do Trasnos Béisbol Club “asumindo a responsabilidade e o reto” de proporcionar un campo utilizable para os equipos que practican este deporte. Ademais, o Concello aprobou axudas a 19 deportistas vigueses de elite por valor de 33.000 euros.
Publicado por o día 21/10/2016 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Vigo

Compromiso do Concello de dotar á cidade dun campo de béisbol

Co obxectivo de seguir cumprindo o seu compromiso de “mellorar as infraestruturas deportivas da cidade” con instalacións “dignas”, Abel Caballero asumiu “a responsabilidade e o reto” de proporcionarlle a Vigo un campo de béisbol que permita a práctica deportiva porque o actual, situado en Bembrive, non reúne as condicións idóneas para facelo, segundo explicou.

O alcalde fixo estas declaracións logo do encontro que mantivo este venres con representantes e xogadores do Trasnos Béisbol Club, un equipo de deporte base con mozos e mozas que practican e que compiten na liga de Galicia, Asturias ou Castela e León. Na xuntanza explicoulles que, ou ben no lugar onde se atopa o campo actualmente ou noutro alternativo “que xa temos estudado”, se levará adiante a nova dotación deportiva.

Axudas a deportistas de elite
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a convocatoria de subvencións para potenciar a participación de deportistas de Vigo en competicións oficiais de alto nivel de carácter internacional na temporada 2015-2016. Un apoio que, segundo expuxo Caballero, beneficiou a 19 deportistas de elite cun investimento municipal de 33.000 euros.