Compromiso por Galicia arrinca a súa precampaña en Vigo este xoves

Publicado por o día 22/04/2014 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Compromiso por Galicia arrinca a súa precampaña en Vigo este xoves

Unha conferencia a cargo de Izaskun Bilbao, eurodeputada do Partido Nacionalista Vasco, e Paulo Carlos López, candidato de Compromiso por Galicia,  co título de”A Europa que queremos” dará o pistoletazo de saída este xoves á campaña dos galeguistas.

Acompañados por Izaskun Bilbao, candidata do PNV, partido co que CxG forma coalición para as eleccións europeas, falarán e debaterán cos asistentes sobre as propostas que levarán adiante a próxima lexislatura.

A presenza de Izaskun Bilbao, eurodeputada dende o ano 2009, logo de ocupar a presidencia do Parlamento vasco entre 2005 e 2009, e tras o seu paso por diversos cargos no goberno vasco, “vén fortalecer as relacións entre PNV e CxG nas que, consecuentes coa nosa tradición do galeguismo histórico, continuamos o traballo iniciado polas Irmandades da fala, o Partido Galeguista ou o pacto Galeusca, tanto no ámbito político como cultural”, sostén Henrique Macías, Responsábel Local do partido.

Os galeguistás falarán de políticas europeas, dun novo modelo de Europa “máis democrática, máis social, máis xusta e das Nacións”, comentou o candidato ás europeas Paulo Carlos López López.

Licenciado en Xornalismo e en Ciencias Políticas pola USC, Paulo Carlos López López e doutorando en Comunicación Política, traballa na empresa privada no ámbito da comunicación organizacional. Sen experiencia política pública, é a carta de presentación dos galeguistas, que queren “acompañar as propostas de renovación con actuacións reais nese sentido”. López, o máis novo dos cabezas de lista do Estado, é a principal baza para defender “novos xeitos e novas ideas e novas caras” na política galega.

Ambos falarán este xoves, ás 20.30 horas, no hotel México (rúa Via Norte), de Vigo. Unha conferencia, seguida dun diálogo cos asistentes, co que pretenden transmitir as súas propostas e, sobre todo “coller o pulso da sociedade, oír á cidadanía, para representar e trasladar a súa verdadeira voz en Europa”.