Compromiso por Galicia esixe transparencia e participación social na elaboración do Plano de Transporte Metropolitano

Publicado por o día 22/04/2014 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Compromiso por Galicia esixe transparencia e participación social na elaboración do Plano de Transporte Metropolitano

Compromiso por Galicia acaba de constituir un grupo de traballo comarcal, coordinado polo exconcelleiro de Tráfico de Vigo, Xoaquín de Acosta, que fará un seguimento ao proceso de elaboración do Plano de Transporte Metropolitano de Vigo.

A pesar da incoporación deste tema no texto do acordo municipal entre o Psoe e o Partido Popular, de momento só un texto de boas intencións, a organización galeguista lamenta que Vigo será a derradeira cidade galega que poida contar co Plano de Transporte Metropolitano como consecuencia do longo enfrontamento partidista entre o Concello e a Xunta de Galicia. Esta situación non só deixou á comarca de Vigo sen esta ferramenta de potenciación do transporte público senón que ten perxudicado á cidade na falla de investimentos do resto de administracións públicas, sendo unha boa nova se se fai realidade o posible desbloqueo politico entre as distintas institucións.

Tras a reunión Xoaquín de Acosta, como coordinador do “Grupo de transporte e tráfico comarcal”, indicou que o Plano de Transporte Metropolitano non pode visibilizarse como un simple abaratamento do billete, tal como algúnas responsables políticos expuseron diante da prensa, senón que este Plano ten que conlevar un estudo de coordinación do transporte urbano, interurbano e de ría, evitando as duplicidades de liñas, mellorando as frecuencias de paso, así como un plano director de intercambiadores de transporte e aparcadoiros disuasorios para minorar o tráfico interior da cidade.

Compromiso por Galicia considera fundamental o coñecemento actual dos datos de mobilidade intercomarcal para poder concretar os datos económicos reais, e evitar o baile de cifras que se están a ofrecer por parte de Xunta de Galicia, datos por outra parte que son considerados demasiado optimistas, tanto no investimento público (7 millóns de euros), como no calendario de implantación, segundo semestre do 2015, casualmente coincidindo coa campaña para as eleccións municipais, e obviando o complicado proceso técnico de constitución dun “Consorcio de transporte metropolitano” e a dificultade de deseño dun Plano de transporte destas características.

Xoaquín de Acosta considera que é preciso a participación de colectivos e entidades sociais da comarca, tales como asociacións veciñais e de usuarios, que poden aportar moitas ideas e melloras prácticas na concreción do Plano de Transporte, lembrando que a Federación Veciñal Eduardo Chao de Vigo xa presentara no ano 2010 un gran estudo de transporte comarcal que, actualizado a data de hoxe, pode ser tido en consideración.

Asimesmo dende Compromiso por Galicia solicitan a participación da Deputación de Pontevedra no financiamento do Plano de Transporte Metropolitano, xa que a diferente configuración xeográfica perxudica nos costes resultantes aos concellos da peninsula do Morrazo, situación que debe ser compensada dalgún xeito para non cargar nas contas destes concellos un peso elevado en relación co resto de Concellos da Área metropolitana.

PRENSA CXG