Compromiso por Galicia propón que o concello de Vigo cree fondos de emerxencia para asumir o copago farmacéutico para enfermos crónicos

Publicado por o día 19/10/2013 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Compromiso por Galicia propón que o concello de Vigo cree fondos de emerxencia para asumir o copago farmacéutico para enfermos crónicos

  A Agrupación Local de Compromiso por Galicia en Vigo, presentou por rexistro municipal unha moción para que o Concello de Vigo, igual que outros concellos galegos que así o están a aprobar, asuma o copago farmacéutico para persoas con enfermidades crónicas, unha das últimas decisións do PP, que afecta e penaliza ás persoas enfermas e de menor poder adquisitivo, acabando coa necesaria solidariedade e equidade do sistema sanitario público.

  Para o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, “trátase dunha medida que vai na liña doutras xa postas en marcha polos gobernos do PP”, que ten como obxectivo recortar dereitos e prestacións á cidadanía en servizos básicos como é a sanidade. O líder galeguista esíxelle a Feijóo, e así se recollerá na moción, “que paralice a resolución do 10 de setembro sobre o copago dos medicamentos de dispensación hospitalaria” e que se poña do lado da cidadanía e non do Goberno do Estado, “e que ao igual que van facer noutras Comunidades Autónomas, rexeite esta medida por inxusta, insolidaria e arbitraria”.

  O Secretario Local de Compromiso por Galicia en Vigo, Henrique Macías, indica que a moción tratará que se constitúa un fondo económico de emerxencia no concello que cubra o custe dos medicamentos dos veciños e veciñas afectados con enfermidades crónicas. Henrique Macías insistiu que con esta nova imposición non se cumpre co obxectivo que di plantexar, xa que por un lado supón un escaso aforro público, “que a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria cifra nun 0,1% a nivel estatal da factura do gasto”, e polo outro, “trátase de medicamentos que están suxeitos a estritas indicacións e graves patoloxías, o que fai absurda a súa implantación”. Para Henrique Macías, a pesar das evidentes limitacións orzamentais dos concellos, “é necesario e prioritario dende a institución máis próxima a cidadanía, como son os concellos”, que non permitan que os enfermos crónicos queden desasistidos do tratamento axeitado por cuestión económica e garantir o pago destes medicamentos.