Compromiso por Galicia solicita a paralización do procedemento de nova concesión da cafetería Jonathan de Samil

Publicado por o día 14/07/2014 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Compromiso por Galicia solicita a paralización do procedemento de nova concesión da cafetería Jonathan de Samil

Compromiso por Galicia, en declaracións do seu voceiro en Vigo, Henrique Macías, súmase ás voces de asociacións, partidos e particulares que solicitan a paralización do proceso de concurso da nova concesión da cafetería Jonathan de Samil por 30 anos, antes de que sexa definitiva a proposta de adxudicación, e lembra que “é responsabilidade da Administración velar e garantir os nosos espazos naturais para o disfrute dos cidadáns e a súa permanecia para as futuras xeracións”.

Henrique Macías, denuncia que esta nova concesión impedirá durante ese periodo de 30 anos a rexeneración e ampliación do areal da praia de Samil, actuación prevista no PXOM coa desaparición e retranqueo do paseo e de toda a área de servizos e hosteleiros construidos no século pasado por unha mal entendida oferta de servizos á cidadanía. Esta decisión hipoteca o futuro da histórica praia viguesa, evita aplicar o proxecto aprobado no Plan Xeral de Ordenación Municipal e alonxa definitivamente a recuperación e ampliación da zona dunar, unha área de especial valor paisaxístico, ecolóxico e natural para o disfrute de todos os vigueses e turistas que visitan ás nosas praias.

Compromiso por Galicia lembra a constante perda de tamaño do areal de Samil durante os últimos anos, que estudos da Universidade de Vigo relacionan directamente coa urbanización da mesma e a existencia do muro e o paseo. Por este motivo a organización galeguista solicita non hipotecar o futuro da praia máis coñecida de Vigo ao entregar unha nova concesión por 30 anos, situación que impedirá calquera tipo de actuación de rexeneración da mesma durante ese periodo de tempo, o que implica perder para unha xeración de vigueses a posibilidade de disfrute dunha gran praia e entorno natural, e non collendo exemplo da rexeneración realizada na praia do Bao que implicou, coa retirada do muro e do paseo, a recuperación de milleiros de metros cadrados de areal e dunas nun fermoso entorno natural disfrutado agora por vigueses e turistas.

Henrique Macías tamén chama a atención sobre as contradictorias decisións realizadas polo goberno do Concello de Vigo relativas á praia de Samil; por unha parte derrubar a cafetería As Dornas ao non continuar coa concesión, e por outra sacar a concurso por 30 anos a cafetería Jonathan, situacións análogas que reciben solucións completamente opostas.

A finalización da concesión e posterior derrubo do Jonathan así como o derrubo das Dornas abrirían as portas á progresiva execución do aprobado no  PXOM do ano 2008, e aos proxectos de rexeneración deseñados pola Dirección Xeral de Costas, mentres que a decisión da actual corporación municipal condena a papel mollado esa previsión, e hipoteca a calquera futuro goberno municipal para tomar a decisión de executar os proxectos de rexeneración, condenando á praia de Samil no seu continuo proceso de degradación.

Compromiso por Galicia quere facer un chamamento público para evitar esta hipoteca futura sobre a praia de Samil e solicita ao Concello de Vigo que paralice o proceso de adxudicación da nova concesión, agora que inda está a tempo e antes da adxudicación definitiva.

PRENSA CXG