Compromiso só apoiará un grupo lácteo galego se a inicitiva é dos gandeiros.

Para Xoán Bascuas “é unha prioridade de primeira urgencia investir neste sector e facelo competitivo mediante a producción de derivados do leite”.
Publicado por o día 21/09/2016 na sección de Compromiso por Galicia,Eleccións Galegas,Política,Vigo

Compromiso só apoiará un grupo  lácteo galego se a inicitiva é dos  gandeiros.

Bascuas: ”A constitución deste ente deberá cumprir a condición de que sexa levantado e xestionado polos gandeiros”.

”Ata o de agora, as tentativas que se fixeron de crear o grupo lácteo foron sempre desde a óptica de interese do propio PP”, dixo Bascuas.

Xoán Bascuas, candidato á Xunta por Compromiso por Galicia, manifestou hoxe en Mesía que “investir no sector láctero é unha prioridade de primeira urxencia” para a formación galeguista, para poder “modernizalo e facelo competitivo mediante a diversificación da producción en derivados do leite”.

Estas declaracións fíxoas desde unha explotación de vacas leiteira, a onde acudiu para intercambiar impresións con propietarios sobre o futuro do sector.

Unha das medidas para asegurar a competitividade do sector e evitar que pechen máis granxas – actualmente calcúlase que son abandonadas cada semana 10 explotacións –, é a creación dun grupo lácteo galego, que quere propiciar Compromiso desde a Xunta. Pero a constitución deste ente deberá cumprir a condición de que “sexa levantado e xestionado polos gandeiros”,  explica Bascuas. Achaca os fracasos anteriores a que, “ata o de agora as tentativas que se fixeron de crear o grupo lácteo foron sempre desde a óptica de interese do propio PP”, ao que Bascuas acusa de colocar ao frente a “persoas pouco ou nada competentes, mesmo ás veces sen ningunha experiencia no sector”, polo que el quere construilo “desde abaixo, e non desde arriba”.

O sector leiteiro actualmente só conta con 9.000 explotacións en toda Galicia.

O candidato explicou que para levar a cabo o proxecto do grupo lácteo galego, é preciso comezar por que as distintas forzas políticas de Galicia “cheguen a un acordo e asuman que se é un sector estratégico do país”. Pola súa banda, a administración autonómica deberá garantir que “haxa interlocución con todos os axentes que participan no sector, por medio de mesas negociadoras promovidas pola Xunta de Galicia”, engadiu o candidato galeguista. En definitiva, trátase de cambiar o modus operandi dos pasados proxectos fracasados, e que “o dirixismo sexa substituido pola colaboración e a cooperación” entre os propietarios das pequenas explotacións, setenciou.

En canto á posibilidade de fixar un prezo mínimo do leite para garantizar a supervivencia do sector, Bascuas comprometeuse a reunir aos gandeiros para entre todos marcar o prezo do litro e evitar así que as multinacionais abusen da situación de desamparo na que se encontran actualmente os propietarios das explotacións. Esta capacidade negociadora só será posible cun sector forte e vertebrado por medio das centrais leiteiras.