Comunicado de Alternativa Canguesa de Esquerdas neste 17 de Maio

Publicado por o día 15/05/2017 na sección de ACE,Política,Vigo

Comunicado de Alternativa Canguesa de Esquerdas neste 17 de Maio

Outro ano máis, o día das Letras Galegas non pode ser para nós un día de celebración, senón un día de reivindicación. E non porque non queiramos celebrar termos unha lingua propia, senón porque cada vez esta lingua é máis maltratada e ignorada polos “bos xestores”.

Vimos de coñecer a diminución da edición de obras en galego, reducindo case en 100 títulos respecto ó 2015. Tamén sabemos que en poboacións de 20.001 até 50.000 habitantes, como é o caso de Cangas , úsase maioritariamente o castelán nos centros (52,07%), mentres o galego só se usa maioritariamente nun 27,27% das escolas segundo A Mesa. Continuamos sen ter materiais de ocio en televisión, libros, revistas e filmes que usen o galego como lingua vehicular; mantemos unha entorna totalmente castelanfalante para as nosas crianzas.

Mais a pesar de todo isto, as políticas lingüísticas do señor Feijóo están a ser catastróficas; creando un conflito lingüístico constante, utilizando a lingua como arma política, apoiándose no bilingüismo harmónico mentres desmantela o galego en áreas e materias fundamentais do ensino público.

Se o señor Feijóo fixese una política lingüística real quizais non se dera a cifra das sentenzas xudiciais escritas en galego, que actualmente só supoñen o 5%; a mocidade sabería falar galego perfectamente, non como agora, pois o 23% deste colectivo afirma non saber practicamente o galego e só un 40% di dominar ao cen por cen o idioma. E todo isto mentres o Consello de Europa recomenda á Xunta do ‘lengüicidio’ que aumente as horas de galego na escola; pero faise caso omiso, senón, o galego non estaría relegado ó 2% na educación infantil do noso país.

Mais o 17 de maio, tamén queremos ser positivas, e Alternativa Canguesa de Esquerdas estará en Compostela, manifestándose pola nosa lingua nai, a que herdamos de (entre outras e outros) Carlos Casares, que dicía acertado “escribo cunha clara conciencia política fronte ao castelán, que é a lingua imposta”. A manifestación, convocada por Queremos Galego, partirá da Alameda de Compostela a partir das 12h. O 17 de maio encheremos as rúas, e o resto do ano, seguiremos a loitar polos dereitos lingüísticos da nosa terra.