Comunicado de Anova sobre a AP-9, o espolio sistemático de Audasa e a ausencia do BNG na Comisión.

Publicado por o día 09/05/2017 na sección de Anova,Galicia,Política,Vigo

Comunicado de Anova sobre a AP-9, o espolio sistemático de Audasa e a ausencia do BNG na Comisión.

Desde Anova cren que a transferencia da AP-9 debería ser o primeiro paso co obxectivo de acometer finalmente a súa xestión pública. Actualmente, é un negocio privado redondo, e antisocial. Cómpre rematar co grotesco negocio de Audasa e recuperar a calidade do servizo, cumprir as obrigas de mantemento e revisar tamén as tarifas de peaxe. A AP-9 debe estar unicamente ao servizo dos intereses xerais das galegas e galegos. A AP-9 é unha infraestrutura estratéxica de Galiza, fundamental coma eixo de mobilidade, ordenación territorial e dinamización económica. É, polo tanto, unha peza chave da arquitectura económica e territorial do País, que debe ser transferida e xestionada publicamente. Debe ser xestionada baixo criterios de ben común e interese xeral, e non simplemente coma un negocio lucrativo dunha concesionaria depredadora e insaciable. Neste momento é un negocio grotesco para o enriquecemento continuado duns poucos a conta dun ben común das galegas e galegos.

No ano 2000 o goberno de Aznar decidiu renovar a concesión a Audasa até 2048. Calcúlase que nos últimos 37 anos a concesionaria gañou arredor de 2.519 millóns de euros, o que supón que a AP-9 está máis que amortizada. Sendo así, non queda outra que rematar canto antes coa mercantilización especulativa. O modelo de negocio da empresa concesionaria baséase na imposición de desorbitadas taxas de peaxe e na prestación dun servizo de calidade paulatinamente minguante, desatendendo sistematicamente as súas obrigas no mantemento da infraestrutura, maximizando os beneficios a custa da calidade. Outro aspecto negativo a ter moi en conta é a política laboral de Audasa, recortando postos de traballo e redundando isto nunha perda de calidade na atención aos usuarios. A transferencia da AP-9 e a súa xestión pública debe ir acompañada dunha revisión das actuais tarifas no horizonte de garantir a súa gratuidade futura.

-Sobre a ausencia do BNG na Comisión:

Como comentou o noso Voceiro Nacional (e Vice-voceiro de En Marea) Antón Sánchez esta mañá: “Se seguimos a liña do discurso do BNG poñendo o foco na súa ausencia, falaríamos todos do BNG e non da AP-9 e estaríamoslle facendo un favor ao PP, afastando o foco do responsable do veto”.

Non hai acordo ningún, nin pinza contra o BNG. A súa ausencia é consecuencia da aplicación dunha norma parlamentaria. En Marea non fixo a norma que impide que o BNG interveña. Consideramos que non ten sentido que quen promove a iniciativa non estea tamén na súa defensa. Estamos rotundamente en contra desa limitación, máis alá das especulacións interesadas e dos xogos propagandísticos. Pero se a solución imaxinativa é que En Marea non teña voz para que a teña o BNG, non podemos estar dacordo, xa que En Marea é a primeira forza da oposición parlamentaria en Galiza e conta con 5 deputados nas Cortes españolas. Por dignidade, o BNG debería poder falar e o Partido Popular debería calar e votar a favor da transferencia. Debe permanecer en silencio quen tendo a capacidade executiva nada fixo até o momento por activar a transferencia da AP-9.