Comunicado da área de feminismo de En Marea co gallo do día internacional do dereito ao aborto

Publicado por o día 27/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

Comunicado da área de feminismo de En Marea co gallo do día internacional do dereito ao aborto

Desde a área de feminismo de En Marea apoiamos a campaña do 28 de setembro “As mulleres deciden!” co gallo da celebración do Día Internacional do dereito ao aborto, ao entender que o acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto ten que recoñecerse de xeito efectivo e aplicarse en todo o mundo.

O 28 de setembro é unha data emblemática desde 1990, cando o movemento de saúde de mulleres en América Latina lanzou unha campaña para pedir o acceso seguro ao aborto. Desde aquela, cada vez máis rexións e países se uniron á celebración dun día para seguir reivindicando o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos e ó acceso á saúde reprodutiva de forma legal e segura.

Os dereitos sexuais e reprodutivos, entre eles a Interrupción Voluntaria do Embarazo, son dereitos humáns internacionalmente recoñecidos polas Nacións Unidas nas Conferencias do Cairo (1994) e Beijing (1995). O Consello de Europa, xa no ano 2008, instaba aos estados membros a que garantan que a interrupción do embarazo sexa unha práctica accesible e segura. A realidade é que, a día de hoxe, isto segue sen cumprirse en múltiples lugares, o que provoca, entre outras cousas, que moitas mulleres morran a causa de abortos inseguros.

Na área de feminismo de En Marea entendemos que os poderes públicos deben garantir o dereito das mulleres a ter control respecto da súa sexualidade, incluída a saúde sexual e reprodutiva, e a decidir libre e responsablemente sobre a súa maternidade. O contrario supón unha vulneración grave deses dereitos e un ataque frontal contra a liberdade, a dignidade e a integridade das mulleres.

Por elo, desde a área de feminismo apoiamos que ningunha muller sexa forzada a unha maternidade non desexada. O dereito a decidir supón o recoñecemento das mulleres como persoas autónomas, responsables, libres… para tomar as decisións que lles atinxen.

Por estes e outros moitos motivos, desde a área de feminismo de En Marea emprazamos á tódalas persoas a acudir ás concentracións e actos que se celebrarán o xoves, 28 de setembro, en diversas localidade de Galicia, baixo o lema “AS MULLERES DECIDEN!”