Comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública sobre a pandemia de Covid nas residencias de maiores

Publicado por o día 19/05/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública sobre a pandemia de Covid nas residencias de maiores

En Galicia a epidemia de coronavirus tivo menos incidencia de contaxios e mortalidade que no resto de Estado. Influíron diversos factores: a dispersión da poboación, a menor utilización do transporte público, o baixo nivel de contaminación e menor chegada de persoas procedentes doutros países. Non foi a actuación da Xunta senón as propias condicións do país as que frearon a diseminación do virus.

A nefasta xestión da Xunta si que tivo moito que ver coa afectación severa e a elevada mortalidade en dous ámbitos moi determinados: nas Residencias de Maiores e nos servizos sanitarios. 

1. A mortalidade concentrouse nas Residencias de Maiores (case o 50% da mortalidade) esencialmente nas privadas e concertadas

2. Houbo un elevado contaxio do persoal sanitario e de traballadores das residencias, pola sobrecarga asistencial e polos atrasos na subministración de equipos e medidas de protección.

3. A crise do coronavirus tivo que afrontarse cunha total ausencia de planificación previa; non existía un plan estratéxico para abordala, froito da marxinación dos Servizos de Saúde Pública, dos recortes de persoal e camas. Ante a falta de recursos Núñez Feijóo impulsou a creación de hospitais de campaña seguindo o desastroso modelo de IFEMA implantado polo PP en Madrid.

4. A Xunta tenta facer unha utilización política da epidemia; presume da baixa incidencia da mesma e planeou realizar 100.000 test de moi baixa utilidade, polo que os paralizou ao chegar á metade. Aos traballadores da sanidade non se lle fixeron test ata estes últimos días, cando a pandemia está xa en fase decrecente.

Case o 50 % da mortalidade en Galicia concentrouse nestas Residencias, que foran privatizadas e cedidas por Núñez Feijóo a multinacionais, fondos de investimento e grupos da Igrexa.

1.- A situación das residencias privadas caracterízase pola deterioración da atención , o amoreamento e a carencia de persoal. Segundo denunciaron o Consello de Contas de Galicia, o persoal e os familiares de residentes, moitas adxudicacións foron irregulares; ademais non houbo controis por parte da Administración, houbo déficit de persoal, as instalacións estaban deterioradas e existía un claro incumprimento dos contratos e protocolos.

2.- Ás persoas residentes privóuselles do dereito á asistencia sanitaria publica. A gran maioría das residencias carecen de persoal medico ou de enfermería, e teñen acceso limitado aos servizos da Atención Primaria (AP). Só á metade das persoas residentes falecidas se lle realizaron os test diagnósticos e moitos faleceron sós nas súas habitacións.

Ante esta situación, provocada polas decisións políticas que converteron a atención xeriátrica nun negocio e que levou á morte a moitos maiores, nunha situación de enorme soidade e desamparo, a AGDSP entende que se deben esixir responsabilidades políticas e xudiciais, e fai as seguintes propostas:

1.- Débese intervir as residencias que concentraron a maioría das mortes e contaxios. Catro residencias da multinacional DomusVi e dúas da Fundación San Rosendo concentran o 82,5 dos falecementos.

2.- Cómpre rematar cun negocio que pon en grave risco a saúde das persoas maiores. As residencias deberán ser de titularidade e xestión pública (tan só o 0,7% de falecementos se deron nas residencias públicas). Deberán estar sometidas a un control continuado polAdministración. Deberán ter un tamaño medio para evitar a masificación e os contaxios en persoas que, na súa maioría, son moi fráxiles. Terán que ser atendidas polos Centros de AP incluíndo a promoción, prevención, tratamento rehabilitación da saúde. Poderán acceder sen limitacións á atención hospitalaria. Cómpre facilitar que os residentes e familiares poidan participar na súa xestión. Haberá que dotar de xeriatras aos hospitais da área para exercer como consultores dos Centros de AP.

3.- É preciso coordinar os servizos asistenciais, de saúde pública, socio-sanitarios e de atención á dependencia no marco das Áreas Sanitarias, para garantir unha atención de saúde integral ás persoas maiores e evitar novas catástrofes epidémicas. Cómpre establecer mecanismos de coordinación entre Centros de Saúde, Hospitais, Servizos de Saúde Pública, Atención á Dependencia, Servizos Sociais e recursos municipais para poder intervir sobre os determinantes de saúde a nivel local e fomentar estilos de vida saudables.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública 

Comentar noticia

Your email address will not be published.