Comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Publicado por o día 20/03/2020 na sección de Salud,Sanidad,Social

Comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, veu realizando un exercicio  de responsabilidade, nestes momentos de crise sanitaria, mantendo un silencio respectuoso, para non contribuír a xerar máis tensión e ruído mediático, na pandemia de  coranovirus que está afectando á saúde da poboación, xerando unha gran preocupación social, dúbidas e incerteza profesional, abrindo unha crise sanitaria e económica, de contía descoñecida e sobre todo poñendo ao limite a unha parte do Sistema Sanitario Público Galego.

Pero, ante as declaracións do Sr. Feijoo de que quere “agradecer o esforzo aos profesionais sanitarios, esixe máis recursos ao Estado e quere aumentar o persoal sanitario (con  MIR en formación, profesionais sen acreditación, xubilados)”,  queremos comunicar o seguinte:

1.- Que fai tan só un mes e medio, o 9 de febreiro, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia convocou unha gran manifestación de protesta contra o deterioro da Atención Primaria, o peche de servizos hospitalarios, o ocultamento das listas de agarda e a precariedade laboral do persoal sanitario, que foi seguida por miles de persoas.

2.- Consideramos unha burla e unha provocación, que agora, o presidente, preocupado pola repercusión da pandemia sobre a poboación e os problemas para facela fronte, diga que vai realizar: xusto o contrario do que veu facendo durante os últimos 11 anos: recortar o orzamento e o persoal sanitario público en Galicia, desmantelar a Atención pPrimaria e os hospitais comarcais, derivar a miles de pacientes a centros privados concertados, marxinar os servizos de saúde pública e de saúde mental, e poñer en mans de multinacionais os recursos necesarios para planificar, informar e investigar os recursos sanitarios e poder facer fronte a situación de Emerxencia Sanitaria como a actual.

3.- Queremos lembrar que o SERGAS, recortou o orzamento en máis de mil millóns de euros, suprimiu 513 prazas de persoal médico, 184 de  enfermaria (1.121 en todas as categorías), 450 camas hospitalarias, incrementando a concertación con hospitais privados que xa prestan o 25% da atención hospitalaria grazas á redución da asistencia pública. A Alianza da Sanidade Privada Española ( ASPE), que representa a máis do 80% dos centros hospitalarios privados, cifra en 250 euros ao día o custo da hospitalización dun paciente con coronavirus e entre 120 e 300 euros as probas de detección.

4.- Só os recursos da Sanidade Pública, que non teñen a finalidade de facer negocio empresarial privado, son os que poden garantir e protexer a saúde da poboación e facer fronte á Emerxencia Sanitaria como a actual.

5.- Aínda que son momentos de pechar filas e non de manifestacións, chamamos ás Plataformas SOS Sanidade Pública para que esixan unha rectificación real da política sanitaria da Xunta, que debería apostar decidídamente pola Sanidade Pública, reforzando os seus medios (orzamento, infraestruturas, profesionais,… etc), para poder dar unha resposta adecuada a esta crise, e a calquera das que poidan presentarse no futuro,  para garantir a atención sanitaria e a saúde a toda a poboación.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Publica

4 Respuestas a "Comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública"

Comentar noticia

Your email address will not be published.