Comunicado da Marea Feminista ao fio da decision do goberno de empregar o 016 para asesorar a homes sobre igualdade

Publicado por o día 09/01/2018 na sección de En Marea,Política

Comunicado da Marea Feminista ao fio da decision do goberno de empregar o 016 para asesorar a homes sobre igualdade

Desde a Marea Feminista (En Marea) comezamos o 2018 como rematamos o anterior: lamentando fondamente que o Partido Popular non sexa quen de comprender realmente o que é a violencia machista. Pola súa banda, o Partido Popular comeza o ano como é habitual: incumprindo acordos.

A raíz da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, creouse o 016 (recurso para atender ás mulleres vítimas de violencia machista ou para asesorar e axudar ao seu entorno, que o executivo licita e adxudica a unha empresa tras un concurso público), como un recurso enmarcado nun dos capítulos da Lei, no que se contempla o dereito á información, á asistencia social integral e á xustiza gratuíta, polo que desde ese teléfono ofrécese información especializada ás mulleres, asesoramento legal, información sobre os recursos públicos e axudas, derivación a servizos de atención psicolóxica, social, etc.

Agora, por primeira vez desde que se creou fai dez anos, o executivo decidiu incluír no prego de condicións o “asesoramento en igualdade a homes, incluída a información sobre separacións, divorcios, custodias e cuestións xurdidas en contextos de violencia”.

Desde a Marea Feminista parécenos perverso e inadmisible que un recurso creado a raíz da Lei Integral contra a Violencia de Xénero e centrado nas mulleres ofreza estes servizos, xa que deste xeito, se lanzan dúas mensaxes: o sentimento de “protección” para os agresores e a desprotección para as vítimas. ¿Ten algunha lóxica pensar que unha vítima de violencia machista vai chamar a un teléfono desde o que poden axudar ao seu agresor?.
Con isto amósase de novo a (nula) importancia que para o Partido Popular ten o Pacto de Estado contra a Violencia Machista: un Pacto que decidiron conxelar unha vez asinado, no que dos 200 millóns de euros previstos non investiron nada, no que das 213 medidas, a primeira que queren por en marcha incumpre o acordado (adicar os recursos suficientes ás vítimas como prioridade).

Desde a Marea Feminista cremos que cos/as mesmos/as políticos/as non se poden facer políticas diferentes, por iso, seguiremos loitando por políticas eficaces de prevención da violencia machista, por poñer os medios e recursos suficientes para facerlle fronte ao terrorismo machista, ás políticas machistas, etc.