Comunicado da Plataforma Antilindano A Louriña

Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,O Porriño,Plataforma Anti-lindano da Louriña,Social

Comunicado da Plataforma Antilindano A Louriña

Acabamos de comprobar por casualidade, cando acompañabamos a unha das estudantes de Xornalismo da Universidade de Compostela que está a gravar unha reportaxe sobre o problema, como se volve a abrir no Contrasto un dos ramais do camiño principal para dotar de infraestruturas de saneamento. É gravísimo que se estea a acometer esta obra e non hai palabras para dar unha explicación lóxica á rapaza que fotografiaba a zona. Calquera persoa que vén de fóra non concibe a falta de seriedade coa que se está a tomar o asunto.

É totalmente prioritario descontaminar o solo: con todas as cautelas precisas e seguindo os protocolos establecidos na materia. Hai que actuar xa porque isto afecta non só á saúde da xente que alí vive senón á calidade medioambiental da zona e de todas aquelas ás que chegan as súas augas. Estase a incumplir a legalidade vixente por parte de quen ten a titularidade dos solos: públicos e privados. Sexan camiños municipais, fincas particulares ou monte comunal hai que buscar unha solución dende o público polo ben de todos e todas.

O Concello non dá sinais de vida no tema do lindano. É moi triste seguir a agardar pola constitución dunha comisión para poñerse a traballar en serio no tema. Hai xa máis de dous anos que estoupou novamente esta problemática soterrada coa aparición dun dos moitos verquidos, neste caso o do Contrasto. Apláudense todo tipo de iniciativas e reivindicacións polo clima e o medioambiente en xeral pero non se dá un paso.

Acúsase á Plataforma de tratar de sementar o pánico e dar unha visión catastrófica da situación só para atacar ao goberno municipal. Ao mesmo tempo a desidia amosada dende a Alcaldía do Porriño é absoluta.

O único que pretendemos é que o Concello actúe con responsabilidade e, insistimos unha vez máis, se poña ao frente desta problemática. Esiximos que se constitúa inmediatamente unha comisión de coordinación, seguimento e participación de grupos políticos, veciñanza e todo tipo de colectivos e asociacións. Todos e todas somos afectados.

Comentar noticia

Your email address will not be published.