Comunicado de apoio á PAH de Coruña e todas as persoas represaliadas

Publicado por o día 28/11/2013 na sección de PAH Vigo,Social,Vigo

Comunicado de apoio á PAH de Coruña e todas as persoas represaliadas

  Dende a Plataforma de Afectados polas Hipotecas de Vigo queren enviar toda a solidariedade ás compañeiras e compañeiros de Coruña pola brutal represión que sufriron ao tratar de evitar un novo desafiuzamento na súa cidade, especialmente ás seis persoas detidas e á familia que perdeu a súa vivenda.   Tamén queren condenar a violenta actuación policial, tanto por deixar a unha nova familia sen fogar, como por reprimir ás persoas solidarias que trataron de evitar o desafiuzamento.

  Na PAH de Vigo teñen claro que deter desafiuzamentos non só é lexítimo, senón que ao facelo estase a facer prevalecer a lexislación internacional que vela polo cumprimento dos Dereitos Humanos, contra unha lexislación estatal que viola os mesmos.

  Os violentos non son os que se poñen na porta dunha casa para defender o dereito á vivenda, senón quen tira a porta abaixo para quitarlla a unha familia traballadora. E os que incumpren a legalidade non son os que defendenos Dereitos Humanos, senón os que polo medio da forza bruta os violan. Contra a súa represión, solidariedade! Basta xa de criminalizar o dereito a unha vivenda digna!

  Por todo isto está convocada para hoxe día 28 de Novembro as 20:00 horas unha concentración en solidariedade cos detidos dianto do MARCO.

PRENSA PAH VIGO