Comunicado de Espazo sobre Gañemos Lugo e Lugo en común

Publicado por o día 10/12/2014 na sección de Galicia,Lugo

Comunicado de Espazo sobre Gañemos Lugo e Lugo en común

– Espazo Ecosocialista insta á necesaria converxencia entre Gañemos Lugo e Lugo en Común

A agrupación de Lugo de Espazo Ecosocialista considera que a situación social xeral e política do noso concello obriga a ter altura de miras por parte das forzas políticas que se sitúan no campo da ruptura democrática para que non tire pola borda unha oportunidade irrepetible no próximo tempo. Para Espazo a situación de emerxencia social que vivimos e que conleva sofremento ás persoas, sumase unha situación de crise de ‘rexime’ que ten  na corrupción política e económica unha das súas características máis visibles.

O fin do modelo bipartidista ten en Lugo un paradigma de desafección cidadá pola desconfianza cara a un goberno sinalado pola xustiza e anos de desgoberno, onde ademais dos dous grandes partidos tampouco o BNG foi quen de das alternativas, nun primeiro momento polo apoio ao goberno do PSdeG  e na última etapa por falla de unha estratexia clara de cambio.

Diante deste ciclo de fin de ‘réxime’ e novo proceso constituínte, Espazo ten defendido que hoxe o que toca son amplas alianzas democráticas e cidadás con programas construídos desde a esquerda.

No caso de Lugo, é inexplicable pola poboación que sofre os recortes e a situación de asfixia democrática que existan dúas iniciativas que se reclaman cidadás e democráticas: Gañemos Lugo e Lugo en Común.

Os membros e simpatizantes de Espazo, a titulo persoal, veñen participando desde o primeiro momento nas dúas iniciativas sen esperar contraprestación de ningunha clase.

Espazo Ecosocialista de Lugo cre que chegou o momento de demandar aos promotores de ambas iniciativas  para que conflúan nunha única candidatura cidadá e democrática.

De non darse este proceso demandado pola maioría social agredida, as persoas ou colectivos que non o faciliten ou que se opoñan a el, deberán dar explicacións públicas das súas razóns.

Para Espazo a única condición de participación e apoio a estas iniciativas sería o feito que se formulara desde a ‘nova política’ e desde a radicalidade democrática, fundamentalmente desde a participación directa da cidadanía tanto na elaboración do programa como na elección das candidaturas en primarias abertas.

De non producirse esta confluencia ou de non garantirse esas condicións democráticas, Espazo Ecosocialista tomara as decisións que considere oportunas e que favorezan a construción dunha nova maioría, tendo en conta que o único compromiso dos ecosocialistas é cos cidadáns e as cidadás de Lugo e con ninguén máis.

PRENSA ESPAZO ESCOSOCIALISTA