Comunicado de FOANPAS sobre o transporte escolar: Humillación, incoherencia, desfachatez ao cadrado, vergoña… e tamén esperanza

Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Galicia,Social,Vigo

Comunicado de FOANPAS sobre o transporte escolar: Humillación, incoherencia, desfachatez ao cadrado, vergoña… e tamén esperanza

HUMILLACIÓN, iso é o que sentimos na pel das familias que forman parte dos centros públicos aos que a Xunta nega o transporte escolar.

INCOHERENCIA das autoridades en materia de Educación, que enarboran constantemente a bandeira da liberdade de elección de centro, para defender, por exemplo, a existencia de moitos máis concertos dos que se precisan para cubrir as necesidades educativas ou a inxustiza que sustenta o reparto actual das adscricións, pero logo negan esa mesma liberdade de elección ás familias destes centros públicos.

DESFACHATEZ, porque existen multitude de centros educativos que levan as súas liñas de transporte máis alá da súa zona escolar. ¿Por que razón, entón, llo negamos a outros, aínda cando o necesiten?

DESFACHATEZ, porque despois de negar durante moitos anos o transporte escolar a estes tres centros, por terceiro ano consecutivo a Xunta porá transporte escolar para desprazar aos escolares de Navia a máis de 10 quilómetros das súas casas, moito máis alá da súa zona escolar, aplicando unha adscrición arbitraria, irregular e non tramitada de acordo á normativa vixente. ¿Cando e con que criterio aplica a Administración a súa propia normativa?

VERGOÑA, porque a Administración incluso ten negado o transporte a algún deses centros aínda cando non lle supoñía coste algún, posto que se chegara a un acordo para compartir as prazas sobrantes dunha liña xa existente. ¿Que razón pode haber tras unha decisión semellante?

ESPERANZA, porque a comunidade educativa pide á Administración que desempeñe a súa tarefa e non asistirá calada ao deterioro do ensino público e ao descoido dos centros públicos. O novo mapa escolar para a cidade de Vigo é urxente, non pode demorarse máis. O correcto establecemento das zonas escolares é vital para estes centros, os públicos, posto que, como podemos comprobar, supoñen tamén unha delimitación dos seus servizos por parte da Administración (que a data de hoxe se aplica arbitraria e discriminadamente). As familias teñen o dereito a poder elixir un centro público, se así o desexan, residan onde residan, e é a Administración a que debe velar para que isto sexa posible, coa máxima calidade e con todos os servizos necesarios.

Sabemos que é posible o consenso e, en aras de conseguilo, pedimos á Consellería de Educación que rectifique, se desculpe e se poña de cheo, desde o diálogo, a deseñar un mapa escolar adecuado para a comunidade educativa á que pretende dar servizo.