Comunicado de Lourdes Lorenzo, profesora titular do Departamento de Traducción e Lingüística da Universidade de Vigo e profesora convidada pola Deputación de Pontevedra para impartir o curso “LIN 18-013 actualización gramatical e ortográfica en lingua galega”

Por o 30/07/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Formación
Comunicado de Lourdes Lorenzo, profesora titular do Departamento de Traducción e Lingüística da Universidade de Vigo e profesora convidada pola Deputación de Pontevedra para impartir o curso “LIN 18-013 actualización gramatical e ortográfica en lingua galega”

Ante toda a polémica que, ao parecer, xerou un exercicio proposto por min no curso, gustaríame facer as seguintes aclaracións e manifestar o que segue:

1. O curso está estruturado en 8 módulos deseñados para que o alumnado repase e introduza nos seus escritos en galego as últimas modificacións aprobadas pola Real Academia Galega.

2. Como material de apoio teórico-práctico dispoñen dos seguintes documentos e recursos:
– Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (RAG, 2012)
– Adaptación ao cambio normativo 2003 (Servizo Normalización Lingüística da Univ. de Santiago de Compostela)
– Na universidade en galego con seguridade (Servizo Normalización Lingüística da Univ. de Vigo)
– Na universidade en galego sen dúbida (Servizo Normalización Lingüística da Univ. de Vigo)
– Manual básico de documentación administrativa e xurídica
– Curso linguaxe administrativa (nivel medio)
– Curso linguaxe administrativa (nivel superior)
– Curso linguaxe xurídica (nivel medio)
– Curso linguaxe xurídica (nivel superior)
– Criterios da linguaxe non sexista
– Documento con aclaracións sobre os sintagmas comparativos

Todos eles son recursos en liña postos a disposición do público pola Xunta de Galicia, Portal de Lingua Galega, universidades… Naqueles casos que así o requirían, pedín o permiso expreso dos seus autores (vid. anexo 1).

3. Como exercicios obrigatorios eu mesma deseñei todos os dos distintos módulos, partindo de manuais, dicionarios, recursos de apoio, apuntamentos da miña docencia universitaria durante os pasados 23 anos, etc.

4. Dou o meu permiso para que na Deputación de Pontevedra se dea acceso ao meu curso a todas as persoas que desexen consultar os módulos.

Agora, gustaríame saír ao paso do que considero unha información sacada absolutamente de contexto e feita con moita mesquindade, que só pode saír de mentes moi cativas e limitadas: o emprego nun dos exercicios dun texto sobre o PP. Levo, como dixen antes, 23 anos na docencia universitaria, participei en 20 proxectos de investigación nacionais e internacionais, teño 94 publicacións (entre artigos, libros, edición de revistas, etc.), dirixín 91 traballos fin de grao, mestrado, tesiñas e teses de doutoramento (en España e de alumnado estranxeiro), impartín docencia presencial e online por invitación en 14 mestrados, cursos de especialización e cursos de doutoramento fóra da miña universidade, participei en 22 tribunais de teses de doutoramento e É A PRIMEIRA VEZ QUE CHEGA AOS MEUS OÍDOS QUE ALGUÉN FAI USO DUN MATERIAL ESTRITAMENTE ACADÉMICO E CON VALOR DIDÁCTICO PARA ATACAR A OUTRAS PERSOAS. O texto en cuestión foi adaptado (engadíronse erros lingüísticos á mantenta para que o alumnado os corrixise) do xornal online GaliciaHoxe.com (sección “O sal da terra”; artigo “Partido de fume”, da autoría de Joaquim Ventura):

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/partido-fume-joaquim-ventura/idEdicion-2018-07-04/idNoticia-1124884/

A Joaquim Ventura non teño o pracer de coñecelo. No momento en que redacto estas liñas acabo de buscar datos seus na rede e, ao parecer, é licenciado en Filoloxías Galega e Portuguesa pola Universidade de Barcelona e doutor en Filoloxía Románica pola mesma universidade. Tamén foi gañador do Premio Letras Galegas da Universidade de Santiago de Compostela en dúas ocasións e na actualidade traduce, fai crítica literaria e poesía e colabora en prensa como columnista de opinión para Galicia Hoxe. Como último dato, gustaríame resaltar que foi finalista do Premio Nacional da Crítica. Creo que é un currículo moi respectábel, seguro que bastante máis cumprido do de moitos que se dedicaron a enredar co tema que nos ocupa.

Que opina así sobre o PP neste artigo? Coido que está en todo o seu dereito (o que non implica que eu comparta a súa opinión). Que me pareceu un texto que se podía usar cunha finalidade didáctica (insisto, modificando partes para que o alumnado aprenda e corrixa)? Tamén. Polo que a min me consta, todos os destinatarios do curso son adultos e presupóñolles a intelixencia suficiente como para que vexan que foi un simple exercicio didáctico, sen máis. Pensar que con el, un único exercicio dun total de 112 (22 que deseñei para o curso e arredor de 90 adicionais tirados da rede), se está “adoutrinando” é un insulto para os alumnos e alumnas do curso, aos que se lles está presupoñendo unha mente infantil incapaz de discernir e ter as súas propias ideas. É coma se se propuxese un texto sobre as teorías da evolución de Darwin e alguén sentise que se ofendían as súas ideas (ou se lle adoutrinaba) porque el/ela crían que descendemos de Adán e Eva (brancos e de trazos indoeuropeos, como non) e non do mono.

Pero como parece que alguén necesita algún acto de contrición pola miña parte, revisando todos os exercicios propostos, CONFESO:

1. CONFESO que no primeiro exercicio obrigatorio do módulo 1 cando propoño a oración “(…) que presentemos a candidatura xa ou levará vantaxe a (…) máis radical do partido.” non me estou a referir a ningún partido en concreto (menos da Deputación de Pontevedra, líbreme Deus!). Só pretendo que o alumnado escolla entre as formas: compre/cómpre e a/á.

2. CONFESO que no cuarto exercicio obrigatorio do módulo 1 cando pido que escollan entre as palabras elite/élite, o fago como un exercicio de acentuación. Nada que ver coas elites das que fala Podemos como sinónimo de casta.

3. CONFESO que os oficios, denuncias e resolucións de universidades (e da residencia Universitaria San Juan del Monte) que aparecen no exercicio 3 do módulo 2 teñen un simple carácter didáctico e están recollidos nun dos manuais de linguaxe administrativa do curso. Espero que esas universidades citadas non me teñan a mal usar o seu nome, que nunca pretendín usar en van.

4. CONFESO que no exercicio 1 do módulo 3 as oracións “O garda civil confiscou a pel do animal” e “O israelí mandou un fax dicindo que o ollomol non se podía consumir cru e que o aerosol contiña substancias nocivas” foron propostas para que o alumnado repasase o uso do plural en galego. Ningún afán de agraviar ao respectábel corpo da garda civil poñendo á énfase no afán confiscatorio. Menos de crear un conflito internacional con Israel por un suposto fax sobre ollomoles.

5. CONFESO que no exercicio 2 do módulo 3 as oracións “O reo compostelán fora acusado de ladrón polo curmán do frade e “O estudante xudeu era o intérprete do cónsul cristián” foron propostas para que o alumnado traballase a categoría morfolóxica do xénero. Non se trataba de encerellar coa Igrexa (“Con la Iglesia hemos topado, amigo Sancho…”) nin de buscar ningunha “alianza de civilizacións” no segundo caso.

6. CONFESO que no exercicio 1 do módulo 4 a oración “……. enviaron….. o paquete que…… tiñan que mandar….. desde Colombia?” pretende que os alumnos e alumnas usen ben o pronome átono (vos). Nada que ver con Fariña nin co exalcalde do Grove, José Alfredo Brea Gondar.

7. CONFESO que no exercicio 3 do módulo 5 cando propoño a oración “Quiero que destituyan a aquel concejal corrupto que nos prohibió la entrada a la aceña” estou tentando que o alumnado faga un uso correcto dos tempos verbais na tradución ao galego. Lonxe de min pedir a destitución de ningún concelleiro de ningún partido. “Palabrita del Niño Jesús”.

8. CONFESO que cando no exercicio 1 do módulo 6 pido que usen as palabras “ditadura” e “pacto” o fago exclusivamente para que traballen cos grupos cultos e palabras patrimoniais. Non pretendo entrar en se Francisco Franco debe repousar ou non onde está nin en pactos de goberno nos que xa algún puidese estar pensando.

9. Finalmente, CONFESO que a carta ao alcalde de Guntín (Lugo), o meu concello, na que se lle pedía auga para a miña aldea, é totalmente inventada, deseñada para que o alumnado traballe a puntuación, acentuación e formato correcto. Non vaia pensar (meu pobre!) que os veciños volvemos pedir a auga (xa nola levou hai uns anos).

Cambiando xa o ton do texto, é unha verdadeira mágoa que a política deste país ou, mellor dito, os políticos (porque a palabra política meréceme todo o meu respeto e a moitos vailles grande) non atopen cousas de verdadeira importancia que arranxar para mellorar as vidas dos cidadáns aos que se deben e empreguen un curso para atacar ao contrincante. Con este comunicado quero deixar claro que o texto proposto foi unha decisión libre miña, UNICAMENTE CUNHA FINALIDADE DIDÁCTICA (non vou tolerar que ninguén insinúe tan sequera que retrata a miña opción política porque non é verdade; coma calquera, teño as miñas ideas do que debe ser un país e como se debería levar, pero, obviamente, non é algo que expoña nin nas miñas aulas nin nos meus escritos, como calquera que revise todo o publicado por min pode comprobar). EXONERO DE TODA RESPONSABILIDADE ao persoal da Deputación de Pontevedra co que tratei, para quen só teño palabras de agradecemento polo seu trato cordial e pola axuda constante do equipo técnico que leva os cursos. Só espero que con estas explicacións se dean por concluídas todas as especulacións e se deixe de facer dano a persoas ou partidos políticos que NADA TIVERON QUE VER COA MIÑA DECISIÓN. Pola miña banda, o tema non me preocupa en absoluto e creo que non debo dedicarlle nin media neurona máis. O meu CV aválame, no ámbito académico sei que se me ten estima e quero pairar sobre tanta imbecilidade, tanto espírito cativo, mediocre e retorto. O propio Pondal senta cátedra: “Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son, mais sóo os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.