Comunicado de Paula Quinteiro ao respeto do artigo da Voz de Galicia co titular “Unha deputada de En Marea, identificada nun grupo sospeitoso de vandalismo”

Publicado por o día 21/03/2018 na sección de En Marea,Política

Comunicado de Paula Quinteiro ao respeto do artigo da Voz de Galicia co titular “Unha deputada de En Marea, identificada nun grupo sospeitoso de vandalismo”

Co obxecto de responder ás acusacións infundadas que se están vertendo dende diferentes medios de comunicación, gustaríame aclarar o que sucedeu e, sobre todo, o que non sucedeu a noite do 17 de marzo:

Un grupo de persoas estabamos camiñando pola Praza de Galicia con absoluta normalidade e sen xerar ningún problema para a veciñanza. Nese momento unha das persoas que estaban comigo foi interceptada pola Policía, chegando varios vehículos, esixíronlle que se identificara e cando este lle preguntou os motivos polos que procedían a súa identificación, un dos axentes actuou de maneira desproporcionada.

Debido ao conflito absolutamente innecesario que se estaba a dar, procurei mediar para evitar calquera incidente e evitar problemas. Nunca tratei de impedir a identificación de ninguén, de feito, eu mesma me identifiquei a pesar de non ter sido requerido e a policía identificou a todas aquelas persoas que considerou necesario.

En ningún momento utilicei a miña condición de deputada para amedrentar aos axentes. Esa é outra das mentiras que se estiveron a difundir durante o día de hoxe, e que tamén quero desmentir con esta publicación.

Non lle din maior importancia a este incidente xa que ningunha persoa quedou retida e continúamos camiñando con normalidade. Sorprende que diante do relato que se está a elaborar non se produciran detencións vinculadas a eses actos de suposto vandalismo, dos que por suposto non participamos.

Resulta curioso que o atestado estea xa nas redaccións dalgún xornal cando eu mesma non teño acceso a el. Xa se está a crear un relato interesado que favorece á estratexia do Partido Popular e está destinada a desgastar o espazo político do cambio.

Quero agradecer todos os apoios recibidos.