Comunicado do Ceesg sobre a sentenza aos membros da Manada

Por o 16/05/2018 | Sección: Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia,Social
Comunicado do Ceesg sobre a sentenza aos membros da Manada

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) queremos poñer de manifesto a nosa total repulsa á sentenza ditada pola Audiencia de Navarra no caso da Manada. Esta sentenza constitúe un ataque directo e unha falta de recoñecemento dos dereitos e das liberdades sexuais das mulleres, e con isto un retroceso no logro dunha sociedade máis xusta, democrática, igualitaria e coeducativa.

Do mesmo xeito, e coa mesma forza, amosamos o noso apoio incondicional e a máxima sororidade coa vítima, quen ademais de sufrir a violencia sexual directa enfronta agora a violencia institucional. Igualmente, non esquecemos a todas as mulleres e nenas vítimas das diversas manadas que seguen a ser lexitimadas polo sistema patriarcal no que vivimos.

Os valores que inspiran a loita feminista constitúen un elemento central no Ceesg, e como profesionais da educación consideramos fundamental encamiñar a nosa praxe a educar en igualdade, rompendo cos modelos sexistas e patriarcais que seguen a lexitimar a desigualdade entre mulleres e homes e as diversas violencias machistas.

Por iso, unímonos ás múltiples manifestacións que estes días enchen as nosas rúas de denuncia social, dignidade e apoio a tódalas mulleres que sofren os ataques machistas, nomeadamente á vítima da Manada. Fronte unha xustiza cómplice do machismo e que vulnera os dereitos das mulleres e nenas, avogamos por máis educación e feminismo nas nosas vidas, nas nosas aulas, nos nosos escenarios de traballo, nas nosas rúas.

NON É ABUSO, É VIOLACIÓN.
SE ELES SON MANADA, NÓS SOMOS MULTITUDE!

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.