Comunicado do grupo municipal GañaMós

Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Galicia,GañaMOS,Mos,Política

Comunicado do grupo municipal GañaMós
Ola!

Agradeceriamos reseñasedes no voso medio o noso chamamento a serenidade e responsabilidade de todos e todas pero moi especialmente dos dirixentes do Partido Popular. Esta claro que o proxecto do Macro Centro comercial non ten recorrido, así o certifican tanto a negativa a vender da Comunidade de Montes propietaria dos terreos, coma a enorme contestación social e tamén o desmarque co proxecto do Partido Popular de Galicia. Pero Arévalo e os seus concelleiros en vez de entender a mensaxe e rectificar, puxeronse en pé de guerra facendo actos polas parroquias incendiando á veciñanza, mitines nos que atacan e insultan ás persoas pertencentes as directivas de augas, as directivas de montes e a calquera outra persoa que rexeite o seu proxecto. Nesta escalada bélica chegaron ata a rebentar a fgrito pelado asembleas das Trídas colando en ditas asembleas a algún concelleiro coa excusa de que o Concello tiña tomas de auga. Isto ten que parar e recuperar a tranquilidade.

O peor de todo é que quizas Mos perdeu unha gran oportunidade de ter un proxecto deportivo de envergadura e unha zona comercial propia. Pero o Partido Popular converteu un bo proxecto nun pelotazo prexudicial para Mos.


Mos ten que volver a normalidade


Facemos un chamamento á responsabilidade de todos e todas para que Mos recobre a tranquilidade e serenidade. As veciñas e veciños de Mos necesitan recuperar a normalidade nas súas vidas.Está nídiamente claro que o proxecto do Macro Centro Comercial non ten recorrido. O pelotazo urbanístico promovido por Arévalo e compañía é historia. A Comunidade de Montes de Tameiga o rexeita, as Comunidades de Augas o rexeitan e tampouco o quere a veciñanza en xeral farta xa de cacicadas. O proxecto de Arévalo non conta nin tan sequera co respaldo do Partido Popular de Galicia, quen ao final desmarcouse e deu marcha atrás a modificación da lei do solo.

Pero nembargantes Arévalo en vez de entendelo, aceptalo e rectificar, embárcase nunha xira polas parroquias incendiando á veciñanza, buscando a confrontación con todo aquel que manifesta a súa disconformidade co seu proxecto. A escoitamos unha e outra vez intentando reescribir a historia para figurar ela como a heroína de Mos e converter en vilanos a todas as persoas que integran as xuntas rectoras das comunidades de augas e montes que osaron contradecila. Desprezando así as miles de familias que expresaron o seu rexeitamento ao proxecto nas votacións asemblearias das súas comunidades. Non ten reparo en aderazar o seu relato fabricando todas as invencións que faga falta pero os titulares e fotos de prensa, isos nos que tanto lle gusta saír a  ela, contan outra historia, contan unha historia verdadeira, contan o que pasou en realidade.

Si coincidimos con Arévalo en que non tocaba falar deste proxecto agora, pero a única culpable de que o proxecto este en boca de todo o mundo é ela. Arévalo apresurouse a facer público o proxecto para exprimirlle todo o rédito electoral cando as conversas entre o promotor e os propietarios dos terreos e demais partes afectadas sempre deberon ser discretas e só anuncialo publicamente no caso de acadarse un acordo satisfactorio para as partes e beneficioso para Mos. Pero a Arévalo, coma sempre, poidolle a súa adicción a protagonizar os titulares e a que soen os flashes ao seu redor.

No seu afán de borrar as súas pegadas que a delatan como culpable do que acontece Arévalo agora conta que foi Mouriño quen veu a Mos a buscala a ela e que o proxecto só é iso un proxecto. Que lonxe queda no seu relato o acto no Multiusos das Pozas onde co reclamo da asistencia dos xogadores do Celta encheuse de veciños e veciñas para anunciar que o proxecto era unha realidade, que xa estaba todo acordado e pechado que en 2018 xa estaría en marcha. Non desaproveitou ese día para insistir e deixar ben claro que todo foi grazas a ela, que ela mesma foi a sede do Celta en Praza de España para traer a Mouriño para os montes de Mos.

Pero por moito intenten reescribir o sucedido non vai a cambiar o feito de que Mos non consente o espolio do seus montes e das súas augas. Por iso non ten sentido ningún que Arévalo e o Partido Popular sigan amargándolle a vida a xente e impedindo que as veciñas e veciños poidan retomar as súas vidas. Pedímoslle unha vez máis á Arévalo que arquive a Modificación Puntual do PXOM e deixe dunha vez que a veciñanza retorne á normalidade.

Tamén coincidimos con Arévalo en que é necesario rescatar a Mos da ruína económica nas ela mesma nos meteu. Pero isto non vai acontecer espoliando os nosos montes e augas senón escollendo a un xestor competente, honesto e responsable ao fronte do Concello. Da ruinosa situación económica, da falta de inversión pública en Mos, dos altísimos impostos municipais, do problema da A-55 sen resolver, distos e doutros problemas, de como solucionalos é do que temos que falar, é o que debe ocupar a centralidade social e política e non esa quimera de Macro Centro Comercial.

Nós non somos contrarios a un gran proxecto deportivo para Mos pero queremos un proxecto serio, respetuoso coas augas e o monte, que xenere consenso e sexa beneficioso para o noso Concello. E por suposto que tamén desexamos que Mos teña unha área comercial onde o pequeno comercio local poida prosperar e ao redor do cal se articulen zonas lúdicas e de esparcemento pero un área comercial axeitada a Mos, dimensionada e ubicada para o desfrute das veciñas e veciños do noso Concello.