Comunicado de PROSAGAL solicitando el apoyo de todos los grupos politicos del Ayuntamiento de Pontevedra y del Parlamento de Galicia

Publicado por o día 05/10/2017 na sección de Galicia,Pontevedra,Sanidad

Des que se nos notificou o plan previsto de pechamento de camas a finais desta primavera, Prosagal tense implicado ao máximo para evitar esta situación, falando en distintas ocasións coa Administración do SERGAS e tratando que rectificasen a súa decisión.

A través da Xunta de Persoal do CHOP tamén expresamos a nosa preocupación polo peche.


Como traballadoras e, agora tamén, como delegadas electas da XP, observamos como ano tras ano se repite esta situación, e pouco a pouco o pechamento afecta a máis unidades e durante máis tempo. O que comezou como un peche de 15 días para, supostamente arranxar a unidade, está nestes momentos en 6 meses; e iso sen contar co pechamento que se produce en Nadal e máis en Semana Santa. Este é o caso de lactantes, durante ese tempo os nenos ingresan nos diferentes servizos que dispón o hospital; como son obstetricia, xinecoloxía ou os más afortunados  en pediatría.

O colapso de urxencias está a chegar a situacións límite. Xa é habitual que os nosos hospitais teñan unha ocupación alta e que as urxencias estean saturadas, pero co peche de camas e en concreto agora, coa non apertura das unidades na data prevista, a situación agrávase.

A día de hoxe, 4 de outubro, puidemos constatar que a cargo do servizo de neumoloxía hai 42 pacientes dos cales, 30 están fóra da súa unidade, (neumoloxía abriu na súa totalidade o día 2 ao redor das 10 da noite, pero de forma temporal). En canto aos pacientes de Medicina Interna hai 26 fóra da súa unidade e 2 en urxencias en espera de cama na quenda de mañá, co cal ao longo do día de hoxe estes ingresos acostuman aumentar.

A nós parécenos unha tomadura de pelo e grave irresponsabilidade que os doentes teñan que agardar nunha padiola nun corredor durante horas cando existen camas baleiras dispoñíbeis.  O servizo de MI 3 do H. Provincial está totalmente baleiro e con orde de non se utilizar. A esta situación hai que engadir as posíbeis complicacións que poden sufrir os usuarios que ao compartir cuarto con outros que padecen unha patoloxía distinta. Acontece, por exemplo, cos pacientes acabados de operar e os que ingresan cun problema infeccioso.

Pontevedra, co apoio dos distintos partidos políticos, as plataformas sanitarias e as distintas asociacións, conseguiu recentemente que a Consellaría de Sanidade se comprometa publicamente a ampliar o H. Montecelo, xa que recoñeceu que é necesaria unha inversión en infraestrutura que proporcione aos cidadáns e cidadás mellores prestacións, menos esperas e máis servizos. PROSAGAL non entende como, por unha banda, poden recoñecer a necesidade que existe, e así o fai case cada semana a través dos medios de comunicación o conselleiro de sanidade e, por outra banda, se bloquee deste xeito a actividade dos centros hospitalarios da cidade.

PROSAGAL considera que é unha situación gravísima e por iso solicita o seu apoio e que se trate como unha problemática da cidade de Pontevedra na instancia que vostedes consideraren e tiveren a ben tratala para lle poren unha pronta solución, polo ben dos pontevedreses e pontevedresas e dos traballadores e traballadoras do CHOP que son os outros grandes prexudicados.

Reciban un cordial saúdo desde a “Agrupación sindical de profesionais da saúde de Galicia (PROSAGAL)”.