Comunicado Público da Secretaría de Organización de Podemos Galicia respecto da convocatoria dun CCA por parte dun grupo de críticos coa actual direción do partido

Por o 18/03/2017 | Sección: Podemos,Política,Vigo

A celebración esta mañá en Santiago dun Consello Cidadán Autonómico (CCA) convocado por un grupo de críticos coa Secretaria Xeral, convocatoria que non respecta a organicidade do partido nin o seu regulamento, está a causar malestar entre un bo número de inscritos e inscritas que nolo están facendo chegar e a xerar confusión, tanto entre eles como entre os cidadáns en xeral. Ante esta situación, Podemos Galicia, a través do seu secretario de Organización, Juan Merlo, quer facer público o seguinte:

-Só o Secretario/a Xeral ten a potesteade de convocar o CCA, neste caso Carmen Santos, segundo a regulamentación do partido.

-O CCA debe celebrarse cada tres meses. Santos fixo pública hai días e a convocatoria formal con data de 25 de Marzo, que se axusta en tempo e forma ao establecido e permite rematar coa campaña en curso para dar a coñecer polos círculos a adecuación dos documentos aprobados en Vistalegre #ampliandovistalegre.

-O grupo convocante foi amonestado pola Comisión de Garantías o pasado mes de Decembro exactamente polo mesmo movimento realizado hoxe. Garantías invalidou a reunión e todos os acordos acadados nela, que tiñan a ver, fundamentalmente, cunha reorganización que pemitise a este sector tomar decisións na carta financeira e contratacións do partido.

-A carta financeira de Podemos exixe a doazón ao partido e a causas sociais, por parte das persoas membros de Podemos que ostenten cargos públicos, do excedente salarial que supere o límite establecido con carácter xeral de 3 SMIs (en 14 pagas); este Martes, día 21 de marzo, remata o prazo para que xs deputados autonómicos galegos membros de Podemos que aínda non o fixeron cumpran con esta obriga.

-Vistalegre marcou un antes e un despois no fondo e nas formas. O mandato de “Unidade, Lealdade e Humildade” non pode ficar só nunca declaración de intencións e nunha foto con Pablo Iglesias nas redes sociais; debe ser unha realidade que se demostre cos feitos, pondo fin a guerras vellas e esterís, froito da non asunción duns resultados lexítimos e democráticos ou doutros intereses que descoñecemos.

-O CC de Podemos Galicia, como non podia ser doutro xeito, asumiu o mandato da asamblea e púxose a traballar de inmediato na folla de ruta de cara aos próximos retos aos que debe enfrentarse a organización; o que pasa tamén por achegamentos para tentar conformar un Podemos o máis plural posible, coa lealdade como condición innegociable.

-A folla de ruta da organización continúa, por tanto, desenvolvéndose con normalidade, en Galiza coa recta final de #ampliandovistalegre e a convocatoria do CCA para o próximo sábado, e no Estado coa celebración hoxe da súa primeira reunión do “goberno na sombra”.

-Actos e declaracións coma as de hoxe son manobras do pasado, só provocan ruido e perxudican a Podemos e, por ende, aos cidadáns, cos que temos un compromiso que debe primar sobre outros intereses.

-A data elixida por este sector supón tamén unha irresponsabilidade e deslealdade, cos propios compañeirxs de Podemos, que están a traballar nos distintos actos programados para hoxe de #ampliandovistalegre e a Ruta Primavera da Cultura Enerxética, e cos nosos aliados de Anova na confluencia En Marea. Os nacionalistas hoxe están a celebrar a súa Asamblea e o ruido provocado só favorece ao argumentario dos medios afíns ao PP e ao propio Partido Popular ao trasladar á opinión pública unha imaxe de divisións e permanentes discrepancias nas distintas formacións de esquerdas, o que dificulta a visibilidade dunha posible alternativa de unidade popular ao goberno de Feijóo.