Dende Galegas 8M denunciamos que tras realizar unha acción de rúa ás 12 horas en Urzáiz, varios axentes da policía nacional e un axente da policía local, pedíronnos a autorización para facer a acción de “Un violador no teu camiño” e cortar o tráfico.
Amosámoslle a comunicación feita á Subdelegación do Goberno con acuse de recibo; tras realizar as conseguintes comprobacións ante a Subdelegación do Goberno, os axentes da policía nacional confirman que o acto realizado foi comunicado correctamente en tempo e forma.
O axente da polícia local (que non portaba a súa placa identificatoria), cun ton desafiante e agresivo afirmou que non estabamos autorizadas para tal acción de rúa e comezou a pedir os documentos de identidade manifestando que ía denunciar e multar a algunhas das promotoras e asistentes ao acto por desobediencia.
Malia os intentos de diálogo, o axente comezou a tomar nota dos DNI de varias mulleres mentres que, en solidariedade coas compañeiras identificadas, outras asistentes amosamos tamén a documentación. Este axente mantivo en todo momento un talante desafiante e intimidatorio, burlándose das mulleres que intentaban razonar con el e ate mostrando satisfacción ante a fustración de todas, incluídas algunhas crianzas que acompañaban ás súas nais e que choraban en resposta ao medo e ameazas coas que intentaba calarnos.
Entendemos o acontecido como unha agresión machista que non tiña outra fin que amedrentar ás mulleres que tomamos as rúas nun día histórico e limitar os nosos dereitos. Queremos así mesmo denunciar o ataque directo ao feminismo na actuación da Polícia Local, nun intento de reprimirnos como mulleres libres e cidadás.
Exerceuse un claro abuso de poder e un exercicio de arbitrariedade por parte do axente, sen que ningún outro axente presente intervira cunha actitude mediadora para poñer fin ao ataque.
O concello de Vigo ten un problema moi grave se o seu corpo policial segue abusando da súa situación de poder para amedrentar ós movementos socias en xeral e á loita feminista en particular sen respeitos pola lei.
Dende Galegas 8M esiximos que o Concello investigue coa necesaria perspectiva de xénero o acontecido e adopte cantas medidas sexan precisas para garantir que sucesos como este non volten a ocorrer. Seguiremos denunciando as agresións ao movemento feminista e respostaremos ante calquer torpedeo institucional até que se asuman responsabilidades. Lonxe de silenciarnos continuaremos reivindicando que as rúas tamén son nosas e que a loita feminista é imparábel.
Publicada por Galegas 8M en Martes, 10 de marzo de 2020
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.