Conceden apoios por 8M€ para impulsar a transformación dixital de máis de 600 pemes e facer fronte así aos novos retos económicos

Un total de 224 pequenas e medianas empresas recibirán preto de 3,7M€ en axudas que facilitarán a modernización e a mellora da súa competitividade, mobilizando 11,5M€ en investimentos en equipamento e software
Publicado por o día 23/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

Conceden apoios por 8M€ para impulsar a transformación dixital de máis de 600 pemes e facer fronte así aos novos retos económicos

A Xunta vén de conceder apoios por oito millóns de euros a través de tres liñas de axudas destinadas a impulsar á transformación dixital do tecido produtivo galego e o avance na implantación da fábrica intelixente e conectada, programas que teñen como obxectivo que as pemes e as agrupacións empresariais galegas poñan en marcha proxectos individuais e colectivos que melloren a súa competitividade contribuíndo así a facer fronte ao actual contexto económico provocado pola pandemia da covid-19. Prevese que destes apoios se beneficien máis de 600 pequenas e medianas empresas.

Como publicou esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG), a través do primeiro dos programas –as axudas á dixitalización–, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través do Igape– destina 3,7 millóns de euros para que 224 pemes e establecementos comerciais realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización total de investimentos de 11,5 millóns. Cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), os apoios desta convocatoria cubrirán unha media do 32% dos gastos realizados polas empresas e comercios beneficiarios.

Entre as iniciativas impulsadas nesta convocatoria destacan a implementación de procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa posta en marcha, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual. Impúlsase así a interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade e a dixitalización dos seus procesos produtivos.

Proxectos Industria 4.0

Por outra banda, a cuarta convocatoria das axudas a proxectos Industria 4.0 apoiará cunha achega total de catro millóns de euros sete novas iniciativas colectivas que permitirán seguir avanzando no desenvolvemento en Galicia da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía e mobilizarán investimentos por 13,4 millóns de euros. Participarán 48 empresas coordinadas por cinco organismos intermedios de carácter sectorial.

Así, o Clúster da Automoción de Galicia (Ceaga), o Clúster do Granito de Galicia, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) liderarán os respectivos proxectos centrados na dixitalización dos procesos nos seus eidos industriais. Cada iniciativa recibirá un premio de 30.000 euros e unha axuda para a execución do proxecto galardoado. Ademais, outras dúas iniciativas coordinadas por Asime, pero multisectoriais, serán tamén apoiadas para facilitar a súa posta en marcha.

Os proxectos aprobados ao abeiro desta cuarta convocatoria sumaranse aos impulsados polas 128 empresas beneficiarias das tres edicións anteriores, que mobilizan 26,9 millóns de euros en investimentos altamente tecnolóxicos no eido da industria intelixente e conectada.

Difusión e talleres para a transformación dixital

Estes apoios compleméntanse coa resolución das axudas por valor de 358.000 euros para 22 plans de difusión no ámbito da dixitalización nos que se prevé que participen 360 pemes. Organizados por clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos, os talleres apoiados están financiados ao 100% e incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos.

Os talleres abordarán aspectos como a transformación dixital e a aplicación das tecnoloxías 4.0 nos sectores loxístico, téxtil, a saúde, o turismo, a hostalería, o naval, a pedra natural e a educación, entre outros. Ademais, destacan nesta convocatoria os dirixidos a avanzar na transformación tecnolóxica de empresas de economía social e as situadas en zonas con máis dificultades para o desenvolvemento dixital.

Estes programas forman parte do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio galego, posto en marcha polo Goberno galego para facilitar a reactivación do tecido produtivo no contexto económico derivado da covid-19. Este paquete de medidas incluíu tamén os cheques de dixitalización, liña activada en xuño que está a permitir que preto de 2400 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, promovendo investimentos por valor de 11,7 millóns de euros.