A Concelleira de Sanidade do concello de Ponteareas propón asinar un convenio para o aparcamento no hospital Álvaro Cunqueiro

Por o 15/02/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas
A Concelleira de Sanidade do concello de Ponteareas propón asinar un convenio para o aparcamento no hospital Álvaro Cunqueiro
Compartir en:

A Concellería de Sanidade e Promoción da Saúde do concello de Ponteareas que dirixe a socialista Vanesa Fernández solicitou unha reunión urxente co Alcalde de Vigo, Abel Caballero, para estudar o posible convenio de aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Dada a alta afluencia de usuarios e usuarias a estas instalacións sanitarias a Concelleira considera imprescindible chegar a un acordo co concello de Vigo que facilite un espazo para aparcadoiro a un prezo reducido ao tratarse dalgo tan prioritario como a saúde e a atención e coidado dos familiares.

Co ánimo de axudar a aforrar custes ás familias e proporcionar un servizo cómodo e axustado ás economías familiares a Concelleira de Sanidade agarda que o Alcalde de Vigo entenda esta necesidade e colabore cos concellos da área metropolitana cos que tantos servizos comparte.

Vanesa Fernández lamenta a falta de compromiso da Xunta de Galicia coa economía das familias sobre todo nunha cuestión tan básica como a sanidade e non entende que nun hospital ao que se asiste por necesidade e obrigatoriedade non se ofrezan servizos públicos como un aparcamento no que poder deixar os vehículos e acudir ás consultas ou a coidar a un familiar. “Lamentablemente a Xunta de Galicia non ten a sensibilidade nin o compromiso agardado pola cidadanía pero dende a nosa concellería confiamos na boa disposición do Alcalde Vigo que saberá entender a nosa demanda”.