A Concellería de Vías e Obras segue adiante co seu obxectivo de levar o saneamento a todo O Porriño e en 15 días rematará os traballos de conexíon á Rede Municipal de Saneamento de varias vivendas de San Pelayo, en Pontellas

Por o 27/02/2018 | Sección: Galicia,O Porriño
A Concellería de Vías e Obras segue adiante co seu obxectivo de levar o saneamento a todo O Porriño e en 15 días rematará os traballos de conexíon á Rede Municipal de Saneamento de varias vivendas de San Pelayo, en Pontellas

Seis vivendas máis de San Pelayo, na parroquia de Pontellas, poderán conectarse á Rede Municipal de Saneamento en apenas 15 días, prazo no que estarán rematadas as obras que a Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando neste lugar.

As mesmas son “un paso máis do esforzo realizado polo Goberno local para levar o saneamento a todo O Porriño”, un obxectivo que “para nós é absolutamente prioritario”,salienta Carrera.

No caso destes traballos, os mesmos consisten na colocación dun total de 190 metros lineais de tubaxes para o saneamento, 10 metros de colectores para recollida de pluviais e 6 pozos de saneamento, cun investimento de 15.000 €, “cuberto con fondos municipais”.

Manuel Carrera engade que en cando estean rematadas as obras de tendido do saneamento, “levaremos a cabo o asfaltado con cargo a unha subvención da Consellería do Medio Rural”, subvención que abrangue todo o territorio de San Pelayo.