O Concello aboou máis de 81 millóns de euros no terceiro trimestre para atender as necesidades cidadás

O edil de Facenda expuxo no Pleno celebrado este mércores o informe trimestral de Tesourería sobre o pago das obrigas, apuntando que Vigo paga aos provedores 12,4 días antes de que comece o prazo legal. Amais deu conta das Liñas Fundamentais do Orzamento de 2018 e da execución de gastos e ingresos do vixente.
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello aboou máis de 81 millóns de euros no terceiro trimestre para atender as necesidades cidadás

Jaime Aneiros sostivo que o Concello cumprirá no Orzamento de 2018 coa regra de gasto, mantendo a débeda cero e garantindo a solvencia económica cun incremento dos recursos destinados ao persoal e das previsións dos contratos de servizos básicos como o lixo, a limpeza, o alumeado ou as bolsas de inglés. Apuntou amais que os investimentos serán realizados con financiamento propio.

Rubén Pérez de Marea de Vigo criticou a suba de impostos que contemplan os orzamentos, pedindo un maior esforzo ao goberno local para a recuperación da capacidade salarial. Elena Muñoz, voceira do PP, cualificou o documento presupostario de “corta e pega” dos anos anteriores, criticou a suba da taxa do lixo, que cifrou nun 25%, e pediu a inclusión dunha partida para os afectados polos lumes.

Jaime Aneiros considerou esta petición como o recoñecemento do PP á ausencia de axudas por parte da Xunta de Galicia para as familias que sufriron danos polos incendios e sinalou que a presión fiscal non subirá en Vigo no próximo exercicio, ao contrario do que fai a Xunta de Galicia incrementando o valor catastral dos inmobles entre un 16 e un 88%.

O edil de Facenda deu conta no Pleno Ordinario celebrado este mércores do estado de execución de gastos e ingresos do Orzamento correspondente ao terceiro trimestre de 2017 e dos movementos de Tesourería que reflicten pagamentos superiores a 81 millóns de euros destinados a satisfacer as necesidades cidadás, sendo Vigo “o concello coa maior política social de Galicia” e tendo financiado 4.500 bolsas de comedor e libros, axudas de emerxencia, comedores sociais, servizo de canguros, o plan de emprego, axudas a clubs deportivos, rehabilitación, humanizacións ou axudas a voos.

O voceiro de Marea de Vigo manifestou a súa preocupación polo baixo grao de execución do orzamento, recomendou investir en proxectos de futuro como as garderías en contraposición coas humanizacións e cualificou de “desbordada” a recadación polo incremento das multas en 6 millóns de euros. Neste sentido, o edil popular Miguel Fidalgo referiuse á “voracidade recadatoria” do goberno local polo número de multas impostas, apuntou a súa incompetencia polo “peor orzamento de gastos” criticando que de cada dez euros só se executen 2,8.

O concelleiro responsable de Facenda rematou o debate aludindo á satisfacción dos vigueses cos servizos públicos da cidade e argumentou que a recadación das multas depende das infraccións cometidas e non do goberno local.

No tocante ao informe trimestral de Tesourería sobre cumprimento de prazos para o pago de obrigas nos contratos do sector público do terceiro trimestre, Aneiros expuxo que Vigo é a primeira cidade española entre as de máis de 100.000 habitantes que antes paga a provedores, ao facelo 12,4 días antes de que comece o prazo legal, algo que favorece ao tecido produtivo da cidade. Cualificou de sólida a situación das finanzas municipais, que permitiron aboar 4.650 pagos neste trimestre.

Na súa quenda de resposta, Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, e Miguel Fidalgo, edil popular, puxeron en cuestión a veracidade dos datos achegados polo concelleiro da área sobre a prontitude de pago aos provedores, ao que Aneiros replicou que son datos do Ministerio de Facenda.