O Concello acomete o acondicionamento integral da Xunqueira de Alba

Logo dos mantementos e reparacións dos últimos anos, está previsto unha reforma xeral nos espazos públicos, mobiliario e infraestruturas da Xunqueira por case 200.000 euros.
Por o 14/02/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
O Concello acomete o acondicionamento integral da Xunqueira de Alba

O Concello de Pontevedra acaba de rematar o proxecto de acondicionamento da Xunqueira de Alba que en breve pasará a contratación cun prezo de licitación de 195.376,86 euros. Seguindo cos criterios de desenvolvemento urbano sostible, o Goberno quere aplicar as directrices de transformación urbana da cidade compacta nos seus bordes e na periferia, tratando de implementar o modelo da cidade nos espazos naturais para acadar a máis alta calidade urbana e facelos accesibles.

Durante estes anos fixéronse distintos traballos de mantemento e reparación nos espazos, no mobiliario e tamén na infraestrutura da Xunqueira, pero neste momento xa ten esgotada a súa vida útil e é preciso facer unha intervención en profundidade neste ENIL (Espazo Natural de Interese Local).

As obras que están proxectadas son:

    • Reconstrución das pasarelas e miradoiros de madeira existentes
    • Rehabilitación do paseo principal de acceso á Xunqueira de Alba, incluíndo a limpeza de sumidoiros e recuperación de bordos de pedra.
    • Demolición de estruturas de antiga ponte.
    • Mantemento de mobiliario urbano, bancos, fontes, etc.
    • Reparación da varanda metálica na ponte sobre o río Rons.

E as melloras que os licitadores poderán incluír no proxecto son:

    • Limpeza do elemento principal de desaugue do paseo que leva ata o Parque da Deputación, incluíndo retirada e posterior reposición dos elementos de cubrición, nunha lonxitude de 130 m, cun custe total de execución material de 1.430,00 €.
    • Reparación do miradoiro grande da Xunqueira, incluíndo a substitución de táboas rotas e tratamento con Lasur de todas as pezas; reparación, parafusado, limpeza e pintado de varanda metálica; e reparación e pintado de murais exteriores, cun orzamento de execución material de 4.490,00 €.
    • Reparación da caseta de observación, incluíndo reposición de táboas, limpeza e tratamento con Lasur, cun custe estimado de execución material de 1.800,00 euros.

En breve comezará o proceso de execución da obra que terá un prazo de execución de tres meses, de tal xeito que poida estar listo de cara ao verán.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.