O Concello adxudica a nova “zona azul”, que poderá xestionarse desde o móbil

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do estacionamento regulado na vía pública, a coñecida como “zona azul”, segundo informou este venres Abel Caballero. O alcalde, que salientou que o usuario poderá prorrogar a estancia do seu vehículo desde o móbil, adiantou que o tempo de rotación será distinto en cada zona da cidade, adaptado ás necesidades dos condutores
Publicado por o día 23/12/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello adxudica a nova “zona azul”, que poderá xestionarse desde o móbil

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do estacionamento regulado na vía pública, a coñecida como “zona azul”, segundo informou este venres Abel Caballero. O alcalde, que salientou que o usuario poderá prorrogar a estancia do seu vehículo desde o móbil, adiantou que o tempo de rotación será distinto en cada zona da cidade, adaptado ás necesidades dos condutores.

Abel Caballero informou este venres da adxudicación da contratación do servizo público de estacionamento regulado na vía pública mediante parquímetros, a coñecida como “zona azul”, á oferta mellor puntuada polos técnicos, neste caso presentada por Dornier.

Segundo precisou o rexedor, o contrato é de dez anos con posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha, e a empresa proporcionará ao servizo un turismo, dous vehículos de transporte de mercadorías e unha motocicleta. Ademáis, Caballero puxo en valor que a adxudicataria instalará 27 postes de recarga para vehículos eléctricos na cidade, nove destes no primeiro ano de contrato e os 18 restantes, ao longo dos cinco primeiros anos. Os parquímetros serán puntos de información municipal relacionados coa mobilidade.

Abel Caballero enfatizou a incorporación das novas tecnoloxías ao servizo, que fará posible, a modo de exemplo, que o condutor poida prorrogar a estancia do seu vehículo na praza de zona azul desde o seu móbil. Con información da ocupación a tempo real, o goberno de Vigo prevé adaptar o tempo máximo en cada zona da cidade ao uso que fan os cidadáns. “Seguramente o tempo promedio de utilización no centro sexa distinto ao que poida haber, poño por caso, nas Travesas ou en Teis”, explicou o alcalde.