O Concello aproba as normas de adxudicación das 620 prazas das Escolas Infantís Municipais

O investimento municipal para os oito centros sitúase en 1,7 millóns de euros e, segundo explicou o alcalde, “a metade dos usuarios están exentos de pago” por teren rendas baixas. Ademais aprobáronse axudas directas a mulleres vítimas da violencia de xénero e a cesión temporal dunha vivenda para unha unidade familiar nesta situación.

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a normativa para a adxudicación das prazas e a matrícula as escolas infantís municipais para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos para o curso 2017-2018. O Concello oferta 620 prazas nos oito centros: Costeira-Saiáns, Bouzas, Tomás Alonso, Santa Marta-Casco Vello, Atalaia-Teis, Santa Cristina-Lavadores, Mestres Goldar e Navia cun investimento de 1,7 millóns de euros.

Abel Caballero sinalou que o custo das escolas infantís está por por debaixo do real ao estaren subvencionadas nunha magnitude que permite que as familias paguen “a metade do que custan as escolas da Xunta de Galicia”.

Ademais, apuntou que “a metade dos usuarios” están exentos do pagamento da matrícula e da cota mensual por teren rendas baixas, un dos elementos que se valoran para a adscrición e outorgamento das prazas e que reflicte “a dimensión social da política que facemos nas escolas infantís”, que duplicaron o número e prazas “desde que son alcalde”.

Convenio co Fogar San Xosé e Programa de atención á violencia de xénero
A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao convenio de colaboración coa Fundación Casa de Caridad-Hogar San José para contribuír ao desenvolvemento do seu “gran traballo e función” cun importe de 46.000 euros.

Ademais, quedou aprobado o programa de axudas económicas directas para mulleres en situación de violencia de xénero para o ano 2017 cun importe de 20.000 euros que pode ampliarse se é preciso. Segundo expuxo o rexedor, concédense de forma inmediata ás usuarias dos dispositivos de atención municipais para, entre outros, asumir os gastos de alugamento dunha vivenda.

Aínda dentro das medidas de protección de vítimas de violencia de xénero, o Concello deu o visto bo á cesión temporal dunha vivenda de protección municipal a unha unidade familiar composta por unha muller e un menor, vítimas de violencia de xénero. Caballero lembrou que o seu goberno contempla cotas de emprego para as mulleres que sofren esta violencia e que asume o custo case completo do centro de emerxencia.

Noticias de última hora en Vigo

concello vigoescolas infantis

SIGUENOS EN TELEGRAM