O Concello aproba novas contratacións por case un millón de euros

Ábrase o proceso de licitación para construír o Local social do Burgo por máis de 600.000 euros
Publicado por o día 27/12/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello aproba novas contratacións por case un millón de euros

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación e a adxudicación de tres proxectos no ámbito urbano e no rural que se achegan ao millón de euros en investimento, seguindo na liña de avance e impulso de proxectos municipais en carteira. Son a licitación do Local social do Burgo, e as melloras de dúas das estradas municipais nas parroquias de Campañó e Alba.

Ao respecto do Local Social do Burgo, o inicio do proceso de licitación arranca cun orzamento de 639.902,97 euros, que pretende crear un centro accesíbel e intelixente dende un punto de vista social, económico e enerxético, e totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón.

O futuro Centro Social de O Burgo ocupa 1.087 metros cadrados no campo de Pasarón. No soto contará con espazos para almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o CF Pontevedra (no soto). No primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros, entre outras dependencias. Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos, obradoiros… polo que se inclúe unha cociña-aula solicitada pola asociación.

Para garantir a perfecta separación co campo de fútbol, xerouse unha nova entrada para o centro veciñal.

Obras en Campañó e Alba

No rural, adxudicáronse a E.C.Casas a mellora da vía entre Cochón, Cabaleiro, Barragáns e Casal do Mendo na parroquia de Campañó por 153.700 euros e un prazo de execución de 4 meses; e a estrada entre a Devesa e As Bouzas, na parroquia de Alba por 160.750 euros e un prazo de execución de 4 meses.