O Concello aproba unhas contas para 2017 “de gran contido social, inversor e de fomento do emprego”

A Corporación aprobou definitivamente o orzamento de 2017, que ascende a 233 millóns, cos votos do goberno de Vigo e a negativa da oposición. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, citou o gasto social, os investimentos e o emprego como liñas prioritarias, salientando que o Concello non ten débeda algunha cos bancos.
Publicado por o día 27/12/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello aproba unhas contas para 2017 “de gran contido social, inversor e de fomento do emprego”

A maioría do grupo de goberno, encabezado por Abel Caballero, fixo posible este martes a aprobación definitiva do orzamento do Concello para o ano 2017, unhas contas “de gran contido social, inversor e de fomento do emprego”, tal e como manifestou o edil de Facenda, Jaime Aneiros.

Vigo é unha das primeiras grandes cidades de España en contar co orzamento de 2017 xa aprobado, con máis de 15 millóns de gasto social, máis de 13 millóns para educación, 5 millóns para emprego, máis de 4 millóns para a promoción turística e por enriba dos 16 millóns de euros de investimentos. Aneiros explicou que o orzamento se elaborou ao 100% con recursos propios e que o Concello ten actualmente “débeda cero” cos bancos.

Na súa exposición inicial, o concelleiro de Facenda reiterou que o documento elaborado para o ano que vén responde ás necesidades das familias e de xeración de emprego, e colocan a Vigo “á cabeza de Galicia e de España”. As alegacións presentadas ao documento foron rexeitadas por non encaixar nos supostos legais, explicou Aneiros, para ser incorporadas ao orzamento.

Os grupos políticos da oposición, PP e Marea, votaron contra o orzamento, censuraron o rexeitamento das alegacións presentadas e pediron participación cidadá na elaboración do documento. O voceiro da Marea, Rubén Pérez, criticou que non se consultaran as contas cos colectivos sociais e veciñais, mentres que a voceira do PP, Elena Muñoz, asegurou que o orzamento é “moi malo” e afastado da realidade da cidade.

No turno de peche do debate, o concelleiro de Facenda replicou que o orzamento se expuxo á cidadanía e aos colectivos e defendeu a participación cidadá na súa redacción, procedente de estar “os 365 días na rúa e en contacto coa xente”, así como da confianza depositada nas urnas polos vigueses e vigueses no goberno de Abel Caballero.