O Concello arranca cun paseo literario a celebración do Día de Rosalía

Abel Caballero informou este martes das actividades organizadas polo goberno vigués para conmemorar o Día de Rosalía, o 24 de febreiro, día do seu nacemento no ano 1837. O Concello programa un paseo literario para este sábado e, de cara á próxima semana, unha charla sobre a figura da escritora e un recital poético a cargo de estudantes.
Por o 14/02/2017 | Sección: Concello de Vigo,Cultura,Vigo
O Concello arranca cun paseo literario a celebración do Día de Rosalía
Compartir en:

“Queremos que o Día de Rosalía teña o seu eco en Vigo”, aseverou Caballero tras avanzar as propostas elaboradas polo Concello para conmemorar o 24 de febreiro.

Este sábado, 18 de febreiro, o goberno local organiza un paseo literario polo Vigo de Rosalía, un percorrido que partirá da oliveira do Paseo de Alfonso ás 11 horas. De cara á próxima semana, a programación contempla unha charla sobre a figura da escritora -baixo o título “Vigo, capital do Rexurdimento. Os cantares de Rosalía”, a cargo de Xurxo Martínez- e a proposta educativa “Recitando a Rosalía”, na que alumnado de ESO de centros educativos vigueses lerán un manifesto e recitarán os seus poemas.

Tamén a próxima semana o Concello encherá os paneis publicitarios da cidade con versos de Rosalía de Castro e as pantallas dos autobuses urbanos da cidade proxectarán os seus escritos o día 24.