O concello de Cangas empeza coa adecuación e ampliación das zonas de xogo e nos parques infantís

Publicado por o día 18/12/2017 na sección de Cangas,Galicia

O concello de Cangas empeza coa adecuación e ampliación das zonas de xogo e nos parques infantís

Os traballos para cumprir os proxectos de Adecuación á Normativa e Ampliación das zonas de xogo nos parques infantís de Cangas, que están redactados pola oficina técnica da Concellaría de Obras e Servizos e financiados dentro do Plan de Concellos 2017 da Deputación provincial, xa comezaron.

Por iso, procedeuse á retirada dos elementos deteriorados e fixéronse adecuacións en Socotelo, Alameda de Aldán e Vilariño, onde xa se instalaron os novos xogos remodelando totalmente esa deteriorada zona. Unha vez se instale a varanda perimetral en Socotelo xa se completarán os traballos neses tres espazos.

Asemade, tamén se iniciaron os labores no emblemático parque dos Xardíns do Sinal.  Por iso se pechou a zona da torre e o espazo infantil con vallas para poder retirar os elementos deteriorados. Estas tarefas lograrán a adecuación do parque coa reparación do pavimento e dos xogos.

Desde a Concellaría de Obras e Servizos laméntanse as molestias ocasionadas e prégase compresión ás persoas usuarias, garantindo en todo momento o seguimento dos traballos para reabrir os espazos canto antes e en óptimas condicións.

Os parques que se inclúen para adaptalos á normativa e que serán completados con novos elementos de xogo son nove e están situados en: Xardíns do Sinal, Estación de Autobuses, A Caina – San Roque, Nazaret, Praia de Rodeira, Irmandades da Fala, Vilariño – O Hío, Socotelo en Aldán e parque da Alameda en Aldán.

Con estas actuacións cómprese o obxectivo da citada Concellaría de corrixir as graves deficiencias de moitos anos nas zonas de xogo infantil. Xunto co da Avenida de Ourense e o de Outeiro de Balea, que xa foron remodelados completamente o pasado ano, mellóranse 11 parques en total. No vindeiro exercicio económico continuarase apostando por garantir o coidado dos espazos públicos para toda a veciñanza.

Así lucen na actualidade