O Concello de Cangas presentou CANJAZZ 2017

O festival conta con actuacións diúrnas, nocturnas e actividades paralelas
Publicado por o día 16/08/2017 na sección de Cangas,Eventos,Galicia

O Concello de Cangas presentou CANJAZZ 2017

O Canjazz, un dos certames máis importantes de Galicia no referente ao mundo do jazz, celebrarase entre o 20 e o 23 de agosto. Durante eses días albergaranse concertos diúrnos e nocturnos, así como obradoiros e máster classes. Trátanse dunhas actividades que logran que a XX edición deste Festival Internacional sexa moito máis completa.

O luns é un dos días estrelas grazas á participación de Laïka Fatien (voz), Pablo Gutiérrez (piano), Christopher Thomas (contrabaixo) e Daniel García (batería). Cómpre destacar que Fatien é referente no jazz europeo. A presenza de artistas galegos e portugueses está asegurada, tal e como indican membros organizadores do evento. “Galiza e Portugal están conectadas culturalmente e aquí tamén o reflectimos”. De non acompañar as condicións meteorolóxicas para as actuacións que se realicen ao aire libre, o lugar destinado para levalas a cabo será o Auditorio de Cangas.

Para desenvolver este festival cóntase co apoio do Concello, da Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes de España (AIE); de varios establecementos de Cangas e da Deputación de Pontevedra. Esta última “apostou moi forte por un dos eventos máis populares e desexados da vila”, así o confirmou o deputado de cultura, Xosé Leal, na presentación do Canjazz levada a cabo hoxe no Salón de Plenos. “Parécenos moi interesante pola traxectoria coa que conta, así como polas actividades paralelas e formativas que nel se levan a cabo. Sen dúbida, logra que a actividade musical do municipio alcance unha gran proxección”.

Mercedes Giráldez, tenente de alcalde, quixo expresar no acto de presentación que o verán de Cangas non sería o mesmo sen o Canjazz. “Xa son 20 anos. Este ano quero destacar as actividades para a rapazada así como a aposta pola muller e o jazz, xa que se levará a cabo unha mesa redonda moi interesante sobre este tema”.

Unha proba de que os nenos e nenas son unha parte fundamental para o festival é a realización dun obradoiro de improvisación dirixido aos mesmos que terá lugar no Auditorio Municipal en horario de 11:00 a 13:00 horas. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo jazzcangas@gmail.com indicando nome, idade, DNI, instrumento e o curso ao que se queren apuntar.

O Concello de Cangas aposta fortemente polos certames de Cangas, sobre todo polo Canjazz, xa que se trata dunha das citas máis populares e queridas. “Coa chegada deste Goberno o que se fixo foi abrir convenios de colaboración que inclúen unha parte económica e outra loxística para consolidar este tipo de eventos”, afirmou o concelleiro de Cultura, Héitor Mera, que tamén recoñeceu o “traballo titánico” dos organizadores.