O Concello de Cangas recibiron aos deportistas David Barreiro e Pablo Graña

Publicado por o día 04/08/2017 na sección de Cangas,Deportes,Galicia

O Concello de Cangas recibiron aos deportistas David Barreiro e Pablo Graña

Onte tivo lugar a recepción de dous deportistas cangueses que destacaron especialmente no Campionato do Mundo Júnior celebrado na derradeira fin de semana en Romanía. Pablo Graña logrou a medalla de ouro na final C1-200 metros e o 4º posto na final C2-1000 metros, mentres que David Barreiro conseguiu o 5º posto na final C1-1000 metros. No acto, celebrado no Concello de Cangas, estiveron presentes representantes dos grupos políticos que forman parte do Equipo de Goberno.

O concelleiro de deportes, Xoán C. Chillón Iglesias, encargouse de trasladar os parabéns de parte de toda a corporación municipal. “Xa acadastes ese nivel mundialista o ano pasado, pero este renovástelo incluso con mellores resultados. Un plus foi a medalla de ouro”. Reiterou o orgullo que supón para o Concello de Cangas levar a cabo este tipo de actos, xa que se reciben a persoas que destacan dentro do seu eido, grazas sempre ao sacrificio e o esforzo que poñen no seu día a día. “Desexo que continuedes con esa proxección. Continuamos proxectando o nome de Cangas polo mundo”. Fixo referencia, ademais, ás axudas económicas para os desprazamentos, das cales espera que se consoliden para o ano que vén.

A experiencia vivida para Pablo Graña e David Barreiro foi espectacular, ámbolos dous pechan agora a etapa júnior. “Non sabemos o que pasará, pero seguiremos intentando saír a regatas internacionais e dar o mellor de nós. Vámolo intentar”.

Ao alcalde Xosé Manuel Pazos Varela tocoulle recibir a moitos deportistas de gran categoría durante o seu mandato, algo que o enche de orgullo. “Hai bos adestradores, hai bos clubs, e logo hai boa materia prima. A satisfacción é dobre porque o futuro está asegurado. Parabéns para toda a xente que estades traballando neste eido, o deporte é importantísimo para a nosa sociedade. Cangas continuará sendo o pobo con máis medallas por metro cadrado de todo o territorio español”.